Chega o 29 de xullo e, con el, o Diluvio. Tanxugueiras publica este venres o seu terceiro traballo discográfico, un álbum conceptual editado por Calaverita Records e que propón rachar con todo o establecido “para sandar, para volver a aprender”. O disco, que xa está dispoñible nas principais plataformas dixitais e La Casa del Disco, conta na súa versión física cunha edición deluxe , cun libreto ilustrado de 24 páxinas no que o grupo explica, motu proprio, o significado deste diluvio. “Neste álbum que hoxe ve a luz está a resposta ao camiño percorrido nos últimos meses. De principio a fin, desde a ‘Treboada’ até o ‘Acougo’. Coa súa publicación pechamos unha etapa, unha viaxe de cuestionamento e autocoñecemento. Mergullarse no Diluvio é abrir e pechar un círculo e hoxe, por fin, todo cobra o sentido”, sinalan Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro.
‘Diluvio’ é unha viaxe de indagación e autocoñecemento que o trío percorre a través de verbos como ver, escoitar, equivocar, recordar ou apoderar. Un tránsito que transcorre, en paralelo, ás vivencias de Olaia, Aida e Sabela desde o inverno de 2020. Porque no disco, nado durante a pandemia, as cantareiras poñen en dúbida e enfrontan numerosas presuntas culpas ou ‘pecados capitais’ instalados na sociedade. E aos sete ‘orixinais’ (avaricia, enveza, ira, luxuria, preguiza, gula, soberbia), elas suman outros tres: patriarcado, hostilidade e homoxeneidade. Crenzas que viviron, sentiron, observaron ou compartiron e que, após a tormenta, deciden dar a volta e convertelas nunha serie de aprendizaxes transformadoras para a vida: un diluvio de autoaceptación, de diversidade, de amor libre, de apoderamento. ‘O diluvio arrasa e racha con todo o establecido, con iso que damos por sentado para sandar, para renacer, para que volvamos aprender, mais desde unha óptica aberta, feminina, xenerosa, consciente. Mergullarse no Diluvio é percorrer a propia vida”, apuntan.
Música tradicional e ritmos urbanos
‘Diluvio’, o álbum de Tanxugueiras que se pode adquirir desde hoxe en plataformas dixitais e tendas físicas, é un traballo musicalmente diverso: unha experiencia catártica na que a voz e a cultura tradicional son o fío condutor dunha viaxe evocadora que avanza a ritmo de muiñeira (‘Terra’), xota (‘Midas’), ou rumba (‘Figa), mesturadas con sonoridades máis urbanas e contemporáneas, próximas a unha xeración nova, coma elas, ávida por descubrir, explorar e reformular. “Somos cantareiras. O noso instrumento principal é a voz, mais tamén nos acompañamos de elementos tradicionais, como as pandeiretas ou as latas de pimentón, e de instrumentos máis modernos, como os sintetizadores ou a percusión electrónica”, explica o grupo. Neste sentido, ‘Diluvio’ confirma a aposta das creadoras, que asinan todos os temas do disco, pola reinterpretación da tradición galega a través da fusión con ritmos urbanos, próximos ao trap, hip hop ou electrónica, para achegar a música de raíz a un público máis novo.
Aida, Olaia e Sabela son, en ‘Diluvio’, intérpretes e compositoras. “Aínda que neste traballo haxa moita creación propia, bebemos da tradición”, lembran. Son tamén produtoras do álbum xunto con Iago Pico (Pouland Studios), con quen traballan desde 2021 neste proxecto. “Da voz parten todos os temas e con Iago, máis que andar na procura de harmonías, pensamos en atmósferas, en texturas, en evocar situacións. Fluimos, buscamos que a sonoridade e a musicalidade sexan afíns o que queremos expresar”, sinala o trio. Así, tanto no disco coma no directo da Xira Midas de presentación do álbum, a voz segue a ser a protagonista absoluta. O disco vai alén dunha mera declaración de intencións e manifesta unha sonoridade única, vibrante e contundente que define o propio grupo: Tanxugueiras sostén unha mensaxe que nace dun trebón de emocións, vivencias e crenzas, e reivindica as raíces máis profundas da tradición. “Os temas cunha mensaxe máis enérxica son, precisamente, aqueles que parten da muiñeira, o noso ritmo máis universal, como poden ser ‘Terra’ ou ‘Seghadoras’”, salientan.
Unha viaxe de aprendizaxes capitais
“Agora todo cobra sentido”, sinala Tanxugueiras. Tras máis dun ano de lanzamentos cunha clara intencionalidade agochada para as e os ouvintes, o público por fin pode coñecer o verdadeiro significado de cada un dos sinxelos, os pecados e as aprendizaxes que se agochan tras eles. E esa é a clave de ‘Diluvio’: unha viaxe, un percorrido desde a tormenta até a quietude. No medio delas, un torrente de culpas e ensinanzas vitais.
No seu terceiro disco, Tanxugueiras convida ao público a fluír por unha corrente sonora que nace coa ‘Treboada’, o tema instrumental que abre o álbum. Unha choiva intensa que dá paso á primeira aprendizaxe capital: fronte a soberbia e o artificial, o trío chama á naturalidade. Diso fala ‘Arica’, o segundo tema. Do natural tamén nace a capacidade de coñecerse a unha mesma, de aceptar o que somos. E ese é o concepto de ‘Desidia’, que reivindica o dereito á pausa e a necesidade do autocoidado.
A terceira aprendizaxe que proclama Tanxugueiras no seguinte corte é a xenerosidade: ‘Midas’, o primeiro sinxelo que o grupo lanzou de ‘Diluvio’ en febreiro de 2021, fala precisamente da avaricia. “E ti tes e tes, non o queres dar, pensas que o tes todo pero non tes nada”, di o coñecido retrouso do tema, que marcou o punto de inflexión na carrera do trío. Tras el, chega ‘Pano Corado’, no que o grupo canta ao amor libre e diverso.
‘Diluvio’ flúe e leva ao público ata ‘Sorora’, un himno adicado ao matriarcado, a todas as cantareiras e pandeireteiras, fronte ao pecado colectivo que, segundo o trío, leva demasiado tempo instalado na sociedade: o patriarcado. E de seguido, fronte á hostilidade, o disco lévanos a ‘Seghadoras’, un potente canto ao apoderamento, para crer e loitar polo propio. Desta visión chega a aceptación que avanza contra a ira: ese ´e o ‘Averno’ que interpretan co rapeiro Rayden.
O disco complétase cunha tríade de grandes temas: ‘Figa’, un chamado contra a envexa e a favor da autoaceptación; ‘Fame de Odio’, que aposta pola diversidade e a beleza de todos os corpos, e ‘Terra’, a canción coa que as pandeiretiras queren amosar que vivimos nun mundo heteroxéneo, repleto de particularidades e de esencias, no que “non hai fronteiras”. Finalmente, Tanxugueiras pecha o álbum coa chegada do ‘Acougo’, o segundo e último tema instrumental do disco: a calma, a reflexión. É, como elas mesmas expoñen, “a fin do diluvio, da vida alterada. É o círculo que se pecha, o percorrido da vida”.