Un novo recoñecemento para elas. A gala do XV Aniversario dos Premios MIN tivo lugar este mércores á noite en Palma de Mallorca, reunindo e premiando aos artistas máis destacados da escena independente do noso país no último ano. Tanxugueiras, nominadas en sete categorías, conseguiron gañar dúas delas: "Mejor álbum de música de raíz" e "Mejor álbum en gallego" por "Diluvio", o seu último disco, editado no verán de 2022 por Calaverita Records. Na gala, presentada por Samantha Hudson, tamén foron premiados Los Estanques e Anni B Sweet (gañadores en cinco categorías) ou Biznaga (en dúas).
Este dobre recoñecemento para o trío galego chega xusto despois de recoller o mes pasado o premio "Artista Revelación Alternativa 2023" dos Premios Odeón e apenas dúas semanas despois da estrea do seu novo tema "Aire", producido por Lowlight, quen traballou con artistas como C. Tangana, Israel B, Yung Beef, Albany e un longo etcétera de músicos da escena urbana, e na que demostran unha vez máis a súa continua exploración de novos retos e posibilidades sonoras.
"Xira Midas"
Da man de PlayPlan, Tanxugueiras continuará durante todo o verán percorrendo o país coa súa “Xira Midas”, que en breve fará as seguintes paradas:
- 26/05 Fiestas de mayo | Santa Cruz de Tenerife
- 04/06 Guitiriz | Lugo
- 17/06 Festival Plenilunio Folk | Molino, Camargo (Cantabria)
- 23/06 Sestao | Bizkaia
- 24/06 A Estrada | Pontevedra
- 01/07 Asalto ao Castelo | Vimianzo (A Coruña)
- 08/07 Nits al Castell | Xàtiva (Valencia)
- 21_22/07 Festival Leturalma | Letur (Albacete)
- 15/08 Monforte de Lemos | Lugo
- 01/09 Valladolid | Valladolid