Despois de cinco días cheos das mellores obras galegas e lusófonas, diferentes actividades paralelas de gran éxito, como o cine nos barrios, coa proxección en Coia e Teis de Vigo 1972, a Mostra de Cinema Brasileiro ou o Cine Miúdo, o Primavera do Cine despediu a súa sétima edición cunha gala de clausura repleta de humor, música e moitas emocións.
A gala final comezou pasadas ás 19:00 horas no Auditorio do Concello cunha interpretación musical de João Paulo, que mistura nas súas pezas ritmos brasileiros e baianos para deixar paso a Chola, a it girl, quen presentou a velada e puxo o toque de humor.
Os primeiros galardóns en darse a coñecer e feitos polo artista Íñigo Almeida, chegaron vinte minutos despois de dar comezo o evento e foron o premio á mellor curta lusa, outorgado a Lucas H. Rossi por O vestido de Myriam, un filme que se centra na vida dunha parella de anciáns e o premio á mellor curta galega onde houbo un máis que merecido empate entre La mujer invisible, unha curta documental que retrata a prostitución en Vigo, de Noemí Chantada e Matria, de Álvaro Gago e que narra as dificultades que ten que pasar Ramona no seu día a día e as relacións coa súa filla e a súa neta.
Pouco despois, Chola, a it girl, fixo un pequeno resumo do que deu de si a sétima edición do Primavera do Cine e lembrou o peso tan importante que tivo Brasil nesta edición xa que o certame proxectou, dentro da súa sección oficial diversos títulos referentes do cine que se está a facer no país como O dedo na ferida, que foi estrea en España, Elis ou Aquarius. Todas elas multipremiadas en certames internacionais e cun ton de denuncia e compromiso social. Ademais, Brasil tamén estivo presente nas actividades paralelas coa Mostra de Cine Brasileiro, todo un éxito, e gala inaugural , na que se exhibiu un clásico do documental brasileiro de compromiso como é Cabra, marcado para morrer, de Eduardo Coutinho.
A presentadora tampouco se esqueceu do resto das actos que se levaron a cabo no festival, entre os que destacan a masterclass de Álvaro Gago, a mención honorífica a produtora Chelo Loureiro, os VII Encontros Arraianos, o Cine Miúdo e as proxeccións ó aire libre nos barrios de Teis e Coia de Vigo 1972 de Roi Cagiao.
O grupo musical Basanta, cun videoclip titulado Inferis e feito por Xaime Miranda, son os galardoados co premio do público ó mellor videoclip ó que lle seguiu unha actuación de Chola provocando risas e aplausos entre todos os asistentes á gala.
No ecuador da gala a protagonista foi Áuga Mole, un filme que reflicte o problema da desertificación no interior de Portugal, de Laura Gonçalves e Alexandra Ramires e que se alzaron co premio á mellor curta de animación.
Xa a piques de rematar a noite, o xurado profesional composto polo profesor de literaturas lusófonas da Universidade de Vigo Burghard Baltrusch, a produtora executiva e directora de produción Analía G. Alonso, o crítico cinematográfico Celso López Pazos e a cineasta Sara Traba outorgaron os premios á mellor longa lusa e á mellor longa galega.
Así, os vencedores foron Pedro Pinho coa sua obra A fábrica de nada, onde se narra a rebelión levada a cabo polos obreiros portugueses nunha fábrica a piques de desmantelarse e Diana Toucedo con 30 lumes onde se da a coñecer a Galicia máis máxica e misteriosa que se atopa no Courel.
Antes de conceder os últimos galardóns, João Paulo amenizou unha última vez a velada a ritmo brasileiro e tanto a presentadora como o músico organizaron unha coreografía improvisada co público facéndoos partícipes e protagonistas da gala de clausura.
O tan ansiado premio do público á mellor longa lusa foi para Hugo Prata e o seu filme Elis que retrata a Elis Regina, unha das cantantes máis queridas de Brasil, mentres que Xiana do Teixeiro foi a gañadora do premio á mellor longa galega grazas a Tódalas mulleres que coñezo, un documental que reflexiona sobre o desequilibrio que existe entre homes e mulleres.
Finalmente, o director do festival, Juan de Castro pechou a gala cun discurso final. Nel, agradeceu o apoio do Concello de Vigo e da Deputación de Pontevedra e resaltou que este ano o Agadic non concedera o evento ningún tipo de axuda pese a que o Primavera do Cine é o único festival de Galicia que proxecta en exclusiva obras audiovisuais galegas e lusófonas.
Juan de Castro recordou tamén os valores cos que naceu o festival, buscando sempre mostrar o cine que se fai tanto en Galicia como nos países lusófonos e que se seguirá apostando por el e polo cine reivindicativo e comprometido.
Desta edición, o director destacou “a calidade dos filmes de este ano consagran e consolidan o Primavera do Cine como o festival de referencia de cinema galego e lusófono” e rematou o discurso dedicando a edición deste ano “ó equipo de voluntarios e colaboradores xa que sen eles este certame sería imposible”.