Culturgal quere converter a última fin de semana de novembro nese punto no que conflúen moito traballo, presentacións de novos proxectos, avance do vindeiro ano, acordos e alianzas, ocio e diversión tamén para o gran público. Como sector, Culturgal artella un espazo no que atopármonos, como empresas e profesionais do mesmo, no que se poderá ter contacto directo con aqueles axentes e entidades interesantes para a actividade que desenvolvemos, no que asentar os elementos que nos unen como sector dentro da diversidade, formarnos e aprender.
“As administracións públicas teñen a obriga de promover, potenciar e investir na cultura porque non hai sociedade avanzada sen unha cultura potente e forte. A cultura permítenos construírnos”, apuntou Carmela Silva, que lembrou que hai seis anos o daquela responsable de Cultura na institución provincial, Xosé Leal, reivindicaba que Culturgal tiña que estar en Pontevedra. “Agora temos a confirmación de que Culturgal está asentado en Pontevedra. Este é o seu sitio”, afirmou Silva.
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez resaltou a capacidade da cultura “de aunar esforzos e isto demóstrase en que nun proxecto coma este institucións distintas conflúan”. Malia a preocupación pola situación sanitaria, o conselleiro quixo destacar a rápida recuperación do sector cultural, especialmente no sector do libro e no aumento do número de profesionais no sector. “Culturgal é a principal plataforma de presentación de toda esta cultura, con máis de 100 stands con oferta cultural de primeirísimo nivel para Galicia e a Península”, remarcou.
A última intervención institucional foi a do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que celebrou a recuperación da presencialidade na Culturgal e a aposta conxunta das diferentes administracións neste evento. “Un estudo da Universidade de Vigo, campus de Pontevedra, que imos presentar precisamente en Culturgal sinala que a cultura é o segundo sector do concello que máis emprego xenera”, comentou para engadir que a pandemia puxo de manifesto a necesidade que temos da cultura como salvavidas.
Toda a programación de Culturgal 2021 na web oficial (premer aquí). As entradas poden adquirirse previamente tamén na web oficial ou a través de enterticket.es ou tamén no propio Pazo da Cultura. A entrada dá direito a toda a programación excepto o concerto de Tanxugueiras do domingo 28, xa esgotado. O horario de sábado 27 e domingo 28 é de 11:00 a 21:00 horas.