Este venres 19 de outubro, ás 21:30 horas, o Teatro Municipal de Tui acolle a proxección da película Dhogs, dirixida por Andrés Goteira e galardoada con 13 premios Mestre Mateo, incluído o de mellor película.
A protagonista do filme, Álex, goza da última copa no bar dun hotel de luxo, allea á morea de desagradables acontecementos que vivirá nas próximas horas. A súa aventura cun executivo será o preámbulo dunha espiral de violencia na que se verá inmersa e que a levará por unha senda de sufrimento fóra do seu control.
A película conta no seu reparto con Melania Cruz, Iván Marcos, Miguel de Lira, Antonio Durán Morris, Carlos Blanco, María Costas, Suso López, Xosé López, Roi Gantes, Enrique Lojo e Brais Yanek.
A proxección será en versión orixinal e ten unha duración de 85 minutos. O prezo é de 5 euros para adultos e 4 euros para nenos e persoas on desconto. As entradas pódense mercar a través da web culturatui.info até o venres ás 12:00 horas ou no despacho de billetes a partir das 20:00 horas.