Última oportunidade para comprar entradas para o Festival de Cans

Publicidad

O Festival de Cans porá á venda no Torreiro de Cans as derradeiras entradas para acudir á proxección das curtametraxes a concurso desta edición e a algunhas outras actividades de pago. Este punto de venda, que se abrirá ás 19:00 horas, poñerá así os tickets do Festival á disposición da xente de Cans e quen queira achegarse, na que será a última oportunidade para adquirilos de xeito anticipado. No caso de non esgotarse, as entradas poderán mercarse tamén no posto de merchandising durante a celebración do evento, do mércores 23 ao sábado 26.

Durante o período de venda online, que se pechou onte mércores, esgotáronse as entradas para o documental Casamance, la banda sonora de un viaje e para a sesión ExtraCans, pero aínda é posible acudir aos diferentes pases da Sección Oficial e ao resto de actividades. As entradas para ver as curtas de Ficción e Animación (en sesión de mañá ou de tarde) costan 12 euros, mentres as de FuraCans - Non ficción costan 5 euros. As propostas do Invernadoiro, o novo espazo do Festival de Cans, tamén teñen aínda algúns billetes á venda: o evento que xunta a actuación de Kevin Weatherill de Immaculate Fools co avance do seu documental biográfico Kevin vs. Ray ten un prezo de 5 euros, mentres que a estrea de Sevilla y Gomorra de Ángel Filgueira e o concerto de Pantis con retrospectiva de clips de Rubén Domínguez costan 3 euros respectivamente. Por último quedan entradas, tamén a un prezo de 3 euros, para as tres actividades infantís de pago de MiniCans: o espectáculo O cinematomago, a proxección didáctica Therefilme e o contacontos ilustrado de Polo Correo do Vento.

Salir de la versión móvil