Un congreso internacional e, arredor del, múltiples actividades culturais, desde unha exposición ata recitais poéticos, pasando por un ciclo de cinema, unha performance e unha instalación artística. Así celebrará a Universidade de Vigo o centenario do nacemento do premio Nobel José Saramago. Será do 26 ao 29 de outubro en distintos puntos da cidade de Vigo, entre eles o Centro de Visitantes do Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia e o Instituto Camões, sempre baixo a batuta da I Cátedra Internacional José Saramago da Universidade de Vigo, desde onde levan meses organizando cada detalle dunha cita que agardan se converta en histórica.
Máis de medio cento de conferencias nun congreso aberto á cidadanía
O eixe central das actividades será a VII Conferencia Internacional José Saramago, un encontro aberto á cidadanía –non é preciso inscribirse- e que se levará a cabo no auditorio do Centro de Visitantes do Parque Nacional das Illas Atlánticas, no edificio Cambón. “Contaremos coa intervención de 61 conferenciantes procedentes de 41 universidades e 18 países”, explica o director da cátedra, Burghard Baltrusch, profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución, ao que engade que, en termos de continentes, estarán representados Europa, América –tanto do sur como do norte-, Oceanía, Asia e África. Contarase, ademais, segundo el mesmo indica, con dez convidados especiais adicionais -xornalistas, artistas e investigadoras/es-.
“No ano no que se celebra o centenario queremos transformar este VII congreso nun evento especialmente amplo e cunha proxección internacional e mediática aínda maior ca en anteriores ocasións”, salientan desde o comité organizador, facendo así fincapé en que o obxectivo era traer a Galicia o maior número posible de representantes da Jangada, a Rede Internacional de Cátedras José Saramago, centros de investigación e asociacións, mais tamén investigadores, estudantes e outro público interesado.
Como primeiro eixe temático, o congreso explorará a fonda relevancia contemporánea do legado filosófico deixado por José Saramago, incluíndo cuestións relacionadas cos animais, a empatía e o antropomorfismo. Completan este eixe, entre outros, os obxectivos sociopolíticos da rede JANGADA de cátedras, institutos e asociacións, a partir dos principios ético-morais consagrados na Carta Universal dos Deberes e Obrigacións dos Seres Humanos. Inspirada no discurso que Saramago pronunciou o día 10 de decembro de 1998 en Estocolmo, cando recibiu o Premio Nobel de Literatura, foi elaborada na Universidade Nacional Autónoma de México (UNAM), por unha comisión de especialistas internacionais e sometida á ONU en 2018. Deste xeito, esta Carta e o debate internacional sobre os seus temas constituirán o segundo eixe temático deste congreso. “Un cuarto eixe temático estará dedicado ás reflexións sobre a situación actual e o futuro da cultura e lingua galegas, a partir dos vieiros e reivindicacións que nos ofrece o pensamento saramaguiano”, engade desde a organización.
Forte actividade cultural arredor do congreso
No relativo ás actividades culturais, o programa do congreso inclúe unha performance da poeta galega Silvia Penas –o xoves 27 ás 18.30 na sede de Afundación-; un recital de poesía de Patricia Lino –no Camões o venres 28 ás 18.15 h-, e a instalación artística do portuense Miguel Januário, no Camões o mércores 26 ás 18.15 horas.
Xunto a estas actividades que se levarán a cabo nos propios días de celebración do congreso, a programación cultural inclúe tamén unha exposición sobre o diálogo que se estableceu entre Saramago e a pintora portuguesa Graça Morais. Será na sala de exposicións II da Sede Afundación Vigo do 18 ao 29 de outubro, estando previsto para o día 27 a visita á exposición da propia artista.
Baixo o título O surrealismo de Saramago no cinema, o congreso trae tamén consigo un ciclo de cine. Neste caso será no Marco, o Museo de Arte Contemporáneo de Vigo, do 25 de outubro ao 19 de novembro. Proxectaranse diferentes filmes e curtametraxes en versión orixinal con subtítulos en castelán. As proxeccións arrancarán o martes 25 ás 19.30 horas coa proxección de Enemy (O Homen Duplicado), dirigido por Denis Villeneuve (Canadá/Espanha 2013), presentado polo guionista de cine e televisión Javier Trigales.
“Da atmosfera creada con todas estas actividades valerase a destacada escritora portuguesa Isabela Figueiredo para crear textos de ficción inspirados nesas temáticas que serán repartidos e publicados nos días do congreso”, explican desde a comisión organizadora ao respecto da residencia literaria O sublime código da insubmissão.