Un dos lemas do feminismo convértese en arte urbana en Moaña

Publicidad

O programa da Deputación de Pontevedra “Mulleres en acción. Violencia Zero” recalou hoxe en Moaña para a presentación do mural “Deusa branca”, a cargo da artista Alita A.M.A., no que a forza e a carraxe das mulleres e a unión coa natureza se converten en protagonistas. A presidenta provincial, Carmela Silva, acompañada da alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, coñeceu a intervención artística que decora xa o Pavillón polideportivo da Xunqueira cun dos lemas da loita feminista: “Nin a terra nin as mulleres somos territorio de conquista”.

O mural “Deusa branca” abrangue unha das fachadas do pavillón e céntrase nunha divinidade anterior a todas as masculinas que representan ao patriarcado. Deste xeito a artista pon o aceno na muller, amosando a súa unión coa terra e poñendo en valor a súa forza transformadora: “para que haxa unha forza entre as mulleres debemos representarnos así, en contacto coa natureza”. Alita tamén reivindicou a importancia do contexto actual e destacou que “é o momento de darlle vida novamente a unha deusa da natureza e da abundancia, en contacto coa terra, para sentirnos que formamos parte dela e non somos máis que o resto dos animais”.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, expresou o seu agradecemento a Alita A.M.A. pola elección do tema para o mural que recorda “ás mulleres das que somos herdeiras”. Neste eido, destacou que “a Deusa Branca son as avoas, estas mulleres tan ligadas á terra, que transmitiron todos os valores dos que nós somos herdeiras e que se están perdendo como a atención, a humanidade, o respecto á terra na que vivimos, que van en sintonía cunha liña moi potente do feminismo, o ecofeminismo. Este mural é unha mirada moi potente, unha reflexión que pon de manifesto que as mulleres son a salvagarda doutro modelo diferente, onde os beneficios económicos, o enriquecemento, non son o centro da vida das persoas senón que hai outros valores”. Neste eido, a presidenta remarcou as aprendizaxes que trouxo consigo a pandemia e que nos fixo ver que “somos vulnerables”, que hai que cambiar o modelo e coidar a biodiversidade, cuxa perda está estreitamente relacionada co xurdimento de enfermidades como a covid-19. Silva concluíu cun chamamento á loita contra a violencia machista: “este ano van xa 39 mulleres asasinadas e temos que poñer o foco neles, nos asasinos e agresores. Temos que poñer a mirada neles, denuncialos, facer que se sintan mal e dicir que aqueles que maltratan a unha muller non son cidadáns, non son persoas que poidamos respectar”.

Pola súa banda a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, agradeceu a escolla de Moaña para unha nova acción artística do programa “Mulleres en acción. Violencia Zero” . A alcaldesa fixo fincapé na sensibilidade medioambiental e na igualdade, reivindicando a súa transversalidade nas políticas e a importancia de “construír conciencia, dende a arte, para loitar contra a violencia e sensibilizar contra o machismo”. Deste xeito, asegurou que “para nós este é un regalo marabilloso que nos fai a Deputación, é un gusto ter tanto talento artístico na nosa vila e máis nun espazo como este, deportivo, que representa moitas cousas positivas”.

Salir de la versión móvil