O Concello do Rosal deu hoxe un paso máis no seu camiño de transformación da man da Deputación de Pontevedra, que inclúe non só novas obras en infraestruturas e equipamentos, senón tamén a recuperación de espazos públicos para reivindicar a memoria histórica de mulleres referentes no municipio. A presidenta da Deputación, Carmela Silva e a alcaldesa, Ánxela Fernández, inauguraron esta tarde o segundo mural do proxecto “Revolucionando Mentes”, programa cun marcado ton reivindicativo e de concienciación social, co que o concello reivindica o papel que xogaron as mulleres rosaleiras en distintos ámbitos e épocas.
Situado no exterior do Pavillón dos Deportes o mural é obra de Vanesa Álvarez e Lorena Arévalo e foi financiado polo programa da Deputación para o Fomento da Igualdade e Prevención da Violencia de Xénero en concellos de menos de 20.000 habitantes. A creación visibiliza a traxectoria vital de Xulia Suárez, Rufina Domínguez e Adela Álvarez, tres mulleres nas que O Rosal personifica a homenaxe a tódalas mulleres da súa historia. Nas intervencións, a presidenta provincial e a alcaldesa estiveron acompañadas por familiares destas tres rosaleiras: Xulia Suárez, que reivindicou os dereitos das mulleres durante o franquismo dende a súa profesión como enfermeira; Rufina Domínguez, que loitou a prol da II República chegando a esconder na súa casa ao último alcalde republicano do Rosal, e Adela Álvarez, un exemplo de muller dinamizadora da colectividade dende un ámbito rural como a parroquia de Fornelos e autora de diversas pezas poéticas en galego.
Novos proxectos para O Rosal
A visita da presidenta da Deputación serviu, ademais, para que a alcaldesa lle amosase os proxectos de ampliación do Mercado, financiado con achegas do Plan Concellos, e da reforma da Praza do Calvario, que O Rosal xa ten presentado ao plan provincial ReacPon.
En canto á segunda fase da reforma do Mercado de Abastos, a nova intervención estará financiada ao abeiro do Plan Concellos (390.000 €) e servirá para converter ao edificio nun espazo de referencia socioeconómica para a gastronomía e o turismo así como para recuperar a terraza do mesmo. As actuacións chegan despois da inauguración da primeira fase das reformas -no mes de maio- que tivo un custo de 207.000 euros financiados case nun 80% (161.300 €) pola Deputación.
A presidenta tamén coñeceu a futura reforma da Praza do Calvario, que foi licitada este mesmo mes cun orzamento de 1.158.500 euros, para a que o concello solicitou unha achega do Plan ReacPon de 517.938 euros. Nesta reurbanización empregaranse materiais construtivos que preserven e potencien o carácter patrimonial e arquitectónico existente e prepárase tamén unha reordenación da contorna do Calvario, así como do aparcamento.
Novidades no proxecto Tabagón-Goián
Carmela Silva tamén anunciou na súa visita novidades con respecto ao proxecto da mellora de mobilidade peonil na EP-3303 Tabagón-Goián. As obras da primeira fase desta esperada actuación están a piques de comezar nos vindeiros días e a presidenta provincial tamén confirmou que nas próximas horas a Deputación remitirá xa ao Concello o proxecto redactado da segunda fase para que poida ser aprobado canto antes e tramitar o convenio.
A actuación Tabagón-Goián suporá unha transformación radical deste viario de 4,5 quilómetros que transcorre polos concellos do Rosal e Tomiño, estendendo un modelo de mobilidade centrado na recuperación do espazo para as persoas e na redución do CO2.