O Pazo Provincial, sede da Deputación de Pontevedra, acolleu a presentación do libro "María Vinyals. Un talento rebelde", publicación que se vai distribuír nos centros de Educación Secundaria da provincia.
A obra está escrita por Isabel Blanco, ilustrada por Luz Beloso e editada pola editorial Belagua, contando co asesoramiento histórico de Silvia Cernadas. A Deputación de Pontevedra inviste case 10.000 euros nos gastos de edición e impresión desta primeira edición, da que saen un total de 1.500 exemplares que se repartirán íntegramente nos centros escolares mentes que as próximas edición que se fagan xa chegarán ás librerías.
Carmela Silva destacou que, con esta iniciativa, dende a institución provincial se quere seguir reivindicando a figura de María Vinyals, unha pioneira na defensa da igualdade entre homes e mulleres, "unha muller extraordinaria que deixou unha forte pegada na provincia de Pontevedra, en Galicia e no mundo enteiro". Lembrou que por iso leva o seu nome a Escola de Igualdade impulsada pola Deputación ou tamén a súa figura serve de fío condutor de "Somos historias", a iniciativa para amosar a riqueza patrimonial e natural do destino Rías Baixas.
A presidenta da Deputación aproveitou a presentación do libro para facer un recoñecemento público a todas as persoas que levan anos traballando para visibilizar a figura de María Vinyals, "unha gran muller que a historia quixo silenciar, pero que agora estamos sacando á luz. Mulleres como María Vinyals, que tanto aportaron, teñen que ser un referente para o presente e para o futuro, e por iso queremos que todos e todas a coñezan".
As "nais" do libro que destaca a figura de María Vinyals son Isabel Blanco e Luz Beloso. A escritora e a ilustradora son as "nais" de Rosaura, unha personaxe que é un éxito dende os últimos meses entre a rapazada. En Metropolitano.gal conversamos con elas nunha firma de libros que tivo lugar en Bueu para falar da publicación de "As receitas de Rosaura".