Un libro para imaxinar o Vigo do século XXII: viaxamos ao futuro?

Publicidad

“Black Mirror” ou “Mad Max” terían un final feliz en Vigo. A moda das obras distópicas non chega a Vigo. A cidade olívica é a protagonista dun libro que imaxina a urbe galega no século XXII. Como será esa viaxe no futuro? Editorial Galaxia e Zona Franca editan a obra “Vigo XXII, unha ollada ao futuro”, unha publicación composta por dez relatos de reputadas escritoras e escritores galegos e ilustrados pola fotógrafa Judith Cendón González. “O libro ten un futuro máis utópico que distópico”, comentou na rolda de prensa de presentación Inma López Silva, unha das participantes neste proxecto literario que serve tamén para conmemorar o Día das Letras Galegas.

Esta viaxe ao Vigo de mañá realízase a través de dez relatos breves con puntos de vista e xéneros diferentes. O libro xa estaba preparado dende o mes de febreiro, pero a crise sanitaria do COVID19 obrigou a aprazar a presentación oficial. Precisamente, unha das singularidades da obra é que ningún dos escritores participantes imaxinou un Vigo coas rúas baleiras. Os autores que imaxinan a urbe galego no vindeiro século son Antonio García Teijeiro, An Alfaya, Ana Fontenla, Diego Giráldez, Francisco Castro, Inma López Silva, Iolanda Zúñiga, Iria Collazo López, Marcos Calveiro e Patricia Mallo.

A publicación do libro “Vigo XXII. Unha ollada ao futuro” prodúcese como unha homenaxe á cultura galega. Así o confirma o delegado de Zona Franca, David Regades, que a pesar de que a RAG pospuxo os actos de tributo a Ricardo Carvalho Calero ao mes de outubro, pero dende o Consorcio “tiñamos que facer a nosa aportación á cultura galega”, sinalou Regades, que avanzou unha importante aposta dende o organismo que dirixe á industria cultural.

O libro que reflexiona sobre o Vigo do futuro será gratuíto. Trátase dun agasallo institucional. O director da Editorial Galaxia, Francisco Castro, sinalou que as lectoras e lectores atoparán na publicación “moito humor e moito amor”. A presentación de “Vigo XXII. Unha ollada ao futuro” rematou coa intervención de Inma López Silva, unha das participantes no libro e unha das escritoras galegas de máis éxito na actualidade coa publicación “O libro da filla”. A autora avanza que nestes dez relatos sobre a urbe galega no futuro a maioría dos escritores soñou cun Vigo máis limpo, en equilibrio ecolóxico, unha cidade que sobrevive a calquera colapso.

Salir de la versión móvil