Un dos grandes éxitos da literatura galega, “O último barco”, cobrará vida durante os meses de marzo e abril. O Concello de Moaña e a Editorial Galaxia presentaron este venres o roteiro da última obra de Domingo Villar, un percorrido polos principais escenarios da última aventura de Leo Caldas e que no pasado verán xa converteu a Tirán nun dos principais atractivos turísticos da vila morracense. Esta actividade irá dirixida a preto de 800 estudantes de diferentes centros educativos galegos que poderán ver en primeira persoa os espazos que inspiraron ao escritor vigués, un dos referentes da novela negra do país. A intención municipal é a de realizar tamén roteiros abertos ao público en xeral durante o verán.
O roteiro escolar de “O último barco” terá lugar os días 3 e 10 de marzo e 2 e 27 de abril. Cada xornada contará cun grupo de 200 rapaces, dos cales 100 iniciarán a ruta en Moaña e outros 100 en Vigo. “A Ría fará de enlace entre o comezo e o final”, sinala a alcaldesa Leticia Santos. O percorrido permitirá coñecer en profundidade cinco escenarios fundamentais da obra de Domingo Villar, a Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO) e o peirao de pasaxeiros na cidade olívica, namentres que na vila morracense visitarán a Igrexa de San Xoán de Tirán, o Mirador da Moma e o Marusía, ese restaurante que namorou a Leo Caldas e no que para celebrar estes roteiros o seu dono convidará á rapazada a un ágape.
Coral Ríos, concelleira de Turismo e Promoción Económica, destacou durante a presentación da iniciativa o turismo literario, que fai a moitas persoas visitar Moaña para coñecer os lugares da última aventura de Leo Caldas. Ademais, a edil sinalou que dende o concello facilitarase a presenza do arqueólogo e historiador Alexandre Paz Camaño para que os estudantes reciban “información ben fundada” sobre lugares como a Igrexa de San Xoán, na parroquia de Tirán.
Pola súa banda, o director da Editorial Galaxia, Francisco Castro, resaltou a importancia que ten a presenza de Tirán no último libro de Domingo Villar. “Leva a costa de Tirán a moitas latitudes xeográficas”, apuntou.
A alcaldesa Leticia Santos manifestou que “é un orgullo que unha persoa como Domingo Villar se inspire pola nosa vila, pola nosa idiosincrasia y pola nosa paisaxe e que a reflexe na súa obra”. A rexedora, Francisco Castro e Coral Ríos quixeron agradecer a participación nestes traballos da Asociación Veciñal de Tirán.