A praia sempre é un lugar marabilloso para gozar dun bo libro. Dende o vindeiro luns, os bañistas que acudan a Samil poderán facelo sen ir cargados ao areal vigués. O Concello de Vigo anunciou a creación dun sistema de biblioteca de praia que recibirá o nome de "Os libros ao sol" e consistirá na instalación dunha biblioteca que estará situada á altura de Argazada, na zona onde antes estaba As Dornas.
A biblioteca estará instalada nun quiosco de madeira e permitirá aos bañistas de todas as idades facer uso do catálogo de libros en galego. As obras poderanse ter durante todo e día, tendo que ser devoltas ao finalizar a xornada. O horario desta “nova” biblioteca en Vigo será de luns a venres (só días laborables) de 10:00 a 13:30 horas e de 16:00 a 20:00 horas. Este novo sistema, que comezará o vindeiro luns, día 2, estará funcionando durante todo o mes de xullo.
Co primeiro “aluguer” de libros, o usuario recibirá un carné. En caso de que a persoa facilite a súa conta de correo electrónico recibirá as lecturas dispoñibles e información sobre as actividades.
Pódeche interesar: Isto é todo o que podes facer na Feira do Libro de Vigo
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, tamén sinalou que, ademais do préstamo de libros, a praia de Samil acollerá diferentes actividades para promover o uso do galego. No mes de xullo haberá, por tanto, unha axenda de contacontos, de xogos e música destinada sobre todo para os máis pequenos da casa para que gocen dun xeito diferente dunha xornada de praia.
Por último, haberá dos concursos segundo a idade dos participantes. Os máis xoves participarán nun certame de comentarios de libros e outro para máis adultos que consistirá nun concurso de citas. . O premio será un lote de libros.