O Bloque Nacionalista Galego insta o Goberno municipal de Vigo a poñer en marcha unha programación cultural estábel “en liña” que evite que as restricións derivadas da pandemia acaben por afogar o tecido cultural da cidade.
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, defendeu a necesidade dunha resposta municipal diante dos impedimentos que as necesarias restricións socio-sanitarias está a provocar no desenvolvemento da actividade cultural. Neste sentido, propoñen que se artelle unha programación estábel de actividades, actuacións e eventos, que se poidan emitir en formato dixital, como xa se está a facer por parte doutros concellos da contorna. Aliás, entenden que o Auditorio Municipal podería albergar a realización destes espectáculos o que permitiría a súa “progresiva desvirtualización” conforme melloren as condicións para o aforo presencial.
Desde a fronte nacionalista entenden que esta iniciativa, que xa trasladaron ao Goberno local no inicio da pandemia, é máis necesaria diante das “incertezas abertas pola preocupante evolución da pandemia” e a previsión de que as restricións, nun ou noutro grao, se poidan manter durante un tempo longo.
“É inconcibíbel que a cidade de Vigo non ofreza contidos culturais en liña cando dispoñemos dos medios económicos e técnicos para poder facelo”, afirmou Igrexas. A este respeito defende que “esta fórmula podería evitar que a pandemia desertice o tecido cultural de Vigo, evitando que acabe por afogar a grupos, compañías e artistas, e ao tempo permitiría achegar a cultura nas súas diferentes manifestacións ás viguesas e os vigueses”.
O portavoz municipal nacionalista lamenta “o desinterese e desleixo” do Goberno municipal coa cuestión cultural. “A cultura é cousa de comer. Sen cultura non hai cidadanía e sen cidadanía non hai cidade”, remachou.