A Academia Galega do Audiovisual vén de facer pública hoxe o listado de finalistas aos premios Mestre Mateo 2018, entre os cales se sitúa o filme 'Vigo 1972'dentro da categoría Mellor Documental.
É do teu interese: 1972, o ano no que Vigo puxo contra as cordas ao franquismo
Esta nominación supón un novo espaldarazo para o filme producido por Arthur Gordon e dirixido por Roi Cagiao, que tras o seu éxito de público nos cines galegos (onde xa ten comprometida novas proxeccións) prepara o salto ás salas do resto do estado.
“Tiñamos un primeiro premio, que foi e está a ser a conexión do público co filme, a súa asistencia ás salas e o interese que a película estertou e segue a espertar” afirma o director Roi Cagiao, “en calquer caso é unha gran satisfacción que a Academia Galega do Audiovisual veña a recoñecer o valor cinematográfico do filme, situándoo entre os catro mellores documentais producidos durante o 2017”. Para Emilio J. Fernández, produtor executivo da cinta “Esta nominación ten para nós un valor moi especial, porque son os propios compañeiros os que valoran o teu traballo. Unicamente o feito de ser nominados (alén do quen resulte gañador finalmente) é para nós un motivo de ledicia. A calidade da produción dos documentais do ano 2017 foi moi alta” .
Cando é a gala dos Mestre Mateo?
A gala de entrega do premios Mestre Mateo, os grandes premios do audiovisual galego, terá lugar o vindeiro sábado 3 de marzo no Pazo da Ópera da Coruña e transmitirase en directo pola TVG.
O papel feminino de Vigo 1972
“Vigo, 1972” analiza tamén o papel xogado polas mulleres, as veces esquecido. As dirixentes sindicais de Álvarez, Margarita Rodríguez e Pilar Pérez, sacrificaron a súa vida familiar pola causa común. Ambas relatan no filme a dureza de ser unha muller mobilizada nos anos 70. Tiñan que soportas longas xornadas laborais, reunións sindicais que terminaban ben entrada a madrugada e as críticas da veciñanza por estar fora da casa tanto tempo.
Perderon a infancia dos seus cativos, pero o máis doloroso para elas era a crítica dos seus propios compañeiros, quen lles animaban á volver á casa porque aquelas reunións eran tema de homes. Así, tiñan unha dobre loita, a obreira e a feminista.
Ao longo dos días, a represión aumentaba e os obreiros respondían con maior mobilización até que o 16 e 17 de setembro vívese o cumio da folga con até 30.000 obreiros fora das fábricas. Finalmente, o mércores, 23 de setembro, a folga remata. Sáldase con 4.000 traballadores despedidos pero despois de lograr unha gran repercusión internacional, aumentar a capacidade organizativa dos traballadores e deslexitimar ao franquismo para dar comezo ao inicio do fin do réxime.
Podería Vigo volver liderar hoxe unha mobilización masiva como a do 72? “O factor obxectivo existe: precariedade, emigración, baixos salarios”, reflexiona Cagiao, pero “non o subxectivo xa que non hai esa capacidade de compromiso, de conciencia de clase e de sacrificio”, puntualiza.
O director do filme aclara que o movemento do 15-M, que levou a milleiros de persoas as prazas de toda España foi un “revulsivo importante” pero “non é fácil, as veces cremos que estamos militando por enviar un chío en Twitter”.