Este domingo, Ons, o último filme de Alfonso Zarauza, poderá verse no Museo do Mar de Vigo. A cidade olívica será o escenario dunha das preestreas do filme nun evento que contará con parte do equipo e con dous dos seus protagonistas: o actor Antonio Durán "Morris" e a actriz Melania Cruz. Ademais, o público asistente tamén poderá gozar da música en directo de Chicharrón. Este trío de Carballo achega á banda sonora de Ons o tema “Na cela”, que adapta un poema de Antía Otero, e prevé acompañar o filme nalgunhas das presentacións previstas de cara á estrea do 18 de decembro en salas comerciais.
A película conta cun universo propio que envolve ao espectador e que está marcado polo carácter da illa de Ons, na ría de Pontevedra. Unha illa que forma parte do enclave das Illas Atlánticas e na que só viven nove persoas, a pesar das visitas dos múltiples turistas que recibe no verán.
"Quería facer unha película que falase da necesidade e a escaseza. Neste caso da necesidade de amor, de seguridade emocional, de maternidade e de desexo, pero tamén da escaseza de todo iso". "Ons non é un thriller, é unha película con misterio" di o seu director, Alfonso Zarauza.
Dirixida por un dos cineastas máis sólidos do audiovisual galego, Alfonso Zarauza (Os Fenómenos, Encallados, Crebinsky) Ons está protagonizada por Antonio Durán "Morris" (Fariña), Melania Cruz (A esmorga, Dhogs), Xúlio Abonjo (Fariña, María y los demás), Marta Lado (Sicixia), Anaël Snoek, (Adoration), Diego Anido (Trote), Cris Iglesias (Eroski Paraíso) e Miguel de Lira (Los Hombres de Paco, Dhogs, A esmorga).
Sinopse de "Ons"
Tras unha profunda depresión pola morte do seu amante nun accidente de coche, o doutor Vicente (Antonio Durán, "Morris") chega xunto á súa esposa Mariña (Melania Cruz) a unha remota illa do atlántico, co obxectivo de pasar o verán, curar a súa enfermidade e recuperar o seu matrimonio.
A vida na solitaria illa séntalle ben a Vicente, que lle pide á súa muller prolongar a súa estancia e pasar o outono. Cada día vaise sentindo mellor, ata que tras un naufraxio no medio dun temporal, unha misteriosa e amnésica muller aparece na illa e irrompe nas súas vidas. A partir dese momento xa nada volverá ser o que era.