Vigo convértese deste este mércores e ata o venres en sede internacional do coñecemento en nanociencia e faino grazas á celebración no campus da segunda edición de The Thinking Institute, un encontro coordinado polo catedrático Luis Liz Marzán no que se brinda as e aos participantes a oportunidade de interactuar cos mellores especialistas en nanociencia a nivel mundial e abordar ao seu carón os desafíos que expón a ciencia en nanomateriais. A cita é na sala 1 do edificio Miralles e a ela asisten preto de 70 investigadoras e investigadores de toda a península, sobre todo do CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, pero tamén do resto da UVigo; do CICbiomaGUNE vasco; do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía, CICA, da Universidade da Coruña; do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares, CiQUS, da Universidade de Santiago de Compostela, e da Universidade do Miño.
Inaugurou o encontro o reitor, Manuel Reigosa, que se referiu a esta xuntanza coma “unha gran idea”, xunto co organizador das xornadas Luis Liz Marzán e o director do CINBIO, Miguel Correa. Tanto Reigosa como Correa aproveitaron este intre para agradecer ao profesor Marzán a organización na Universidade de Vigo deste congreso. “O avance da sociedade só pode sustentarse no avance do coñecemento, no avance da ciencia, e para iso é necesario que colaboremos todos e traballemos en rede, pois só así podemos facer unha sociedade mellor”, salientou Reigosa, quen se refiriu a The Thinking Institute como “un bo exemplo” desta filosofía.
Na mesma liña ca o reitor Miguel Correa salientou que o encontro “representa unha oportunidade única para o CINBIO e para a UVigo de manterse ao día coas últimas investigación neste campo e aprender dos máis destacados expertos”, subliñou Correa, quen lembrou que o obxectivo deste foro de pensamento e debate científico é funcionar como un catalizador dinámico para fomentar novas colaboracións, proxectos e sinerxías internacionais. “Ademais, aspiramos a crear un espazo propicio para o intercambio de ideas innovadoras e o desenvolvemento de solucións vangardistas no campo da nanociencia”, recaclou o director do Cinbio, quen admitiu agardar “con entusiasmo un evento enriquecedor que impulse a ciencia de nanomateriais e promova o avance da nosa comunidade científica cara a novas fronteiras”, apuntou Correa.
Pola súa banda o director do encontro, Luis Liz Marzán, reiterou a benvida aos asistentes, especialmente aos relatores e relatoras “que fan un esforzo de tempo e incluso económico, pois todos cobren os seus gastos de viaxe, para compartir o seu saber connosco”. Nesta liña, animou a todas as investigadoras e investigadores asistentes a participar nos debates e achegarse aos poñentes “nos abundantes horarios dispostos a tal fin”.
12 especialistas chegados de distintas partes do mundo
Nesta ocasión, o panel de relatores que participan nesta segunda edición de The Thinking Institute está formado por 12 expertas e expertos chegados de diferentes lugares do mundo (Michigan, Illinois, Trieste, Amberes, Lausanne …), a inmensa maioría dos cales xa participaron na primeira edición do encontro, celebrada no edificio de Ciencias Experimentais en xullo do 2022, entre eles o químico Nicholas Kotov, recoñecido internacionalmente polos seus descubrimentos fundacionais no campo das nanoestruturas biomiméticas, quen o vindeiro luns será investido doutor honoris causa da Universidade de Vigo a proposta dos profesores Luis Liz Marzán e Miguel Correa Duarte, cos que colabora desde hai máis de 25 anos.
Xunto a Kotov completan o cadro de relatores Catherine J.Murphy (University of Illinois), que debido a un problema co seu vóo interviu en liña; Maurizio Prato (CIC biomaGUNE e Universidade de Trieste); Mónica Olvera de la Cruz (Northwestern University); Sara Bals (Universiteit Antwerpen); Joerg Lahann (University of Michigan); Francesco Stellacci (Ecole Polytechnique Fédérale de Lausanne); Michael Bedzyk (Northwestern University); o propio Luis Liz Marzán (CIC biomaGUNE e Universidade de Vigo), e tamén investigadores máis novos do Cinbio: Sara Núñez Sánchez, Lakshminarayana Polavarapu e Margarita Vázquez González. Son en total doce poñentes, expertos nos eidos da nanociencia, nanomedicina e nanoquímica. “Unha vez superada a pandemia da covid-19, a presente edición do Thinking Institute celébrase xa cen por cen presencialmente, confirmando así o interese deste plantel de especialistas pola actividade do Cinbio e a Universidade de Vigo”, explica Liz Marzán.