O Galician Freaky Film Festival amosou durante esta fin de semana que Vigo ten as condicións adecuadas para ser a cidade do frikismo. Despois de tres xornadas repletas de contido, o evento puxo fin á súa primeira edición co concerto do grupo Alféizar, os auténticos embaixadores do cutrelux, e unha festa de clausura onde non pararon de soar os temas máis emblemáticos do frikismo galego.
O certame cumpliu o seu obxectivo. Deu boa conta da cultura friki galega cunha boa mostra de curtametraxes que encheron as sesións programadas de vísceras, gore, relatos incribles, monstros e incluso algúns superheroes, todo aquelo que non falta nin debe faltar nunha boa serie.
O público asistente poido desfrutar de máis de seis horas do mellor cine friki ao longo de todo o festival e para elo encheron a Sala Videodrome para cada unha das sesións programadas. Ademais, eles foron os encargados de elexir ós gañadores do certame mediante o método máis estrambótico posible, un aplausómetro que recollía os vitores recibidos por cada curta.
Deste xeito, os vencedores da primeira edición foron "Coplillas por Bombay" de Jaume Miranda como a mellor curta de humor, "9 Pasos" de Maria Crespo e Moisés Romera como a mellor curta de arrepío e "O neno do hórreo" de Diego López Curros como a curta máis friki.
O Galician Freaky Film Festival, ademais da oferta ao público cinéfilo, tamén permitiu gozar coa música de Joao Tomba, a "pinchada" do DJ Home Elefante, a exposición de "horror art" do vigués Josef Méndez e xogar ás máquinas recreativas que marcaron a década dos 80.