Vigo rendirá tributo a poeta galega falecida repentinamente aos 41 anos en 2003 e homenaxeada nas Letras Galegas deste ano. "Xela Arias terá unha rúa en Vigo", anunciou esta mañá o rexedor vigués, Abel Caballero, despois de destacar a relevancia dunha escritora que, ainda que non naceu na cidade, viviu en Vigo dende a súa infancia para desenvolver a súa obra literaria e a súa vida. "A cidade conformou a súa personalidade, non só a súa obra", explica a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, para afondar na pegada en Arias do "Vigo proletario que sae na defensa das clases populares, o Vigo da Movida ou Vigo deitado fronte ao mar".
O alcalde fixo o anuncio durante a presentación do concerto central do Consello da Cultura Galega con motivo da celebración das Letras na cidade de Vigo. A cita, de balde, terá lugar o 16 de maio ás 20:00 horas e será de balde. A cita xuntará a experimentación musical de Laura LaMontagne e PicoAmperio coa poética de Xela Arias. As invitacións poderanse obter a través da web Teuticket.
Xela Arias concibía a poesía como un xeito de indagar e cuestionar a orde das cousas, de describir o que se aprende a ocultar. A pescuda do eu fonda e reflexiva, a afirmación do corpo feminino, a perspectiva de xénero e a procura de novos espazos para a poesía mediante a recitación ou o diálogo coa fotografía, a música e a pintura, son algúns dos trazos destacados da súa voz como creadora, que anticipou nos anos 80 do século pasado moitos temas e características formais da poesía galega da década seguinte.
Os primeiros versos que Xela Arias publicou viñeron a lume en distintas revistas e xornais dende os primeiros anos 80. En 1986 foi finalista do premio Losada Diéguez co seu primeiro libro, Denuncia do equilibrio. Cunha linguaxe rupturista, o poemario anticipa liñas da poesía dos 90 e expón unha imaxinaría construída a través da incerteza, tomando a violencia e a animalidade como eixes. En 1990 saíu do prelo Tigres coma cabalos, volume no que os versos e a fotografía se fusionan a través de vinte e catro poemas acompañados doutras tantas imaxes, a maioría de corpos espidos, entre eles o da propia autora. No seu terceiro poemario, Darío a diario (1996), dedicado ao seu fillo, abordou a maternidade dende unha ollada afastada do tratamento tradicional. En 2003 chegou o seu derradeiro libro, Intempériome, un chanzo máis na súa exploración para converter a desobediencia e a transgresión en palabra poética. Todos estes volumes, e mais sesenta e dous poemas publicados en revistas e obras colectivas, foron recompilados en Xela Arias. Poesía reunida (1982-2004) (2018), edición a cargo da profesora e crítica literaria María Xesús Nogueira.
A elección de Xela Arias como protagonista das Letras Galegas 2021 recoñece igualmente a dimensión pública e comprometida da vida e da obra da autora. Prestou a súa voz en mobilizacións cívicas -coma as que se produciron tras a marea negra do Prestige- e tomou sempre posición a favor da lingua galega, non só como poeta. Como parte do equipo de Edicións Xerais, onde traballou dende 1980 a 1996, contribuíu ao proceso de fixación da norma do galego. Fíxoo como correctora de estilo e editora, e tamén ao iniciar nos anos 80 un labor pioneiro no mundo da tradución, un eido poucas veces recoñecido, pero que en 2021 tamén será homenaxeado na súa figura.
Entre outros títulos, verteu ao galego dende o inglés, o italiano, o portugués ou o castelán autores e autoras como Bram Stoker (Drácula), Roald Dahl (As bruxas), Angela Carter (Venus negra), Gianni Rodari (Contos ó teléfono), Carlos Oroza (Caballum) ou Jorge Amado (O Gato Gaiado e a Andoriña Señá: Unha Historia de Amor); e formou parte dos equipos que trouxeron á nosa lingua o Quixote de Cervantes ou Dublineses de James Joyce. A súa tradución de Amor de Perdición (1986) de Camilo Castelo Branco foi merecente do Premio de Traduçao da Língua Portuguesa; o seu O derradeiro dos mohicanos (1993) de James Fenimore Cooper foi recoñecido co Premio Ramón Cabanillas de Tradución; e foi galardoada postumamente co Premio de Tradución Plácido Castro (2004) por O Spleen de París de Charles Baudelaire.
Nos últimos anos da súa vida, tras se licenciar en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galego-Portuguesa, Xela Arias foi docente nos institutos de Chapela (Redondela), Álvaro Cunqueiro e Valadares II (Vigo), A Sagriña (A Guarda), Terra de Xallas (Santa Comba), Paralaia (Moaña), Valle-Inclán (Pontevedra) e Xelmírez II (Santiago de Compostela).