Vigo desprega a alfombra vermella para acoller seis xornadas do mellor cinema galego e lusófono

Imaxe de Arquivo

Publicidad

O Primavera do Cine, un dos festivais galegos máis consolidados, celebra o seu décimo aniversario cunha programación centrada na cinematografía galega e nas cinematografías dos países da lusofonía. Proxectaranse filmes producidos nos dous últimos anos, algún deles estrea en Galicia e en España.

As proxeccións terán lugar en dúas salas: Auditorio do Museo MARCO, onde poderanse ver todos os bloques de curtametraxes e Auditorio Municipal do Concello, onde ademáis das curtas os espectadores poderán ver toda a sección oficial de longametraxes.

En total, unha vintena de curtametraxes, seis longametraxes e unha selección de videoclips de vangarda. Todas as proxeccións serán en horario de tarde e con aforo limitado debido ás restriccións anticovid. O custe das entradas será de 3 euros para os bloques de curtametraxes e 4 euros para as longametraxes. Estas poderán adquirirse na mesma taquilla antes das proxeccións ou de maneira telemática a través da web de Woutick.

A longametraxe que se poderá ver este martes na sesión inaugural do festival, ás 20:00 horas, será Ana. Sem Título película brasileira que estivo seleccionada para o festival de Moscova. O máis recente filme da imprescindible cineasta brasileira Lucía Murat combina realidade e ficción para reivindicar a memoria das artistas latinoamericanas desaparecidas durante as diversas dictaduras que aconteceron no Cono Sur.

A sección oficial de longametraxes lusófonas complétase con Suzanne Daveau, dirixida pola cineasta Luisa Homem, unha visión lírica e moi completa da vida dunha muller que destacou polos seus estudos xeográficos en Mozambique e Portugal. E o documental Campo, dirixido por Tiago Hespanha, centrado nos dispares acontecementos acaecidos no día a día dunha base militar.

Por outra banda, a sección oficial galega contará con 9 Fugas, a longametraxe do vigués Fon Cortizo que triunfou no Festival de Xixón e está a ter un percorrido internacional. Devolvendo o Golpe, unha historia de boxeo e superación centrada na vida do boxeador marinense Aarón González. Resonancias do pasado, último traballo de Antón Caeiro, cineasta premiado en pasadas edicións do certame, no que a través de imaxes de arquivo e gravacións de voz reconstrúe episodios fundamentais da intrahistoria de Vilagarcía de Arousa.

Este ano, a Mención Honorífica recae no escritor e cineasta Alberte Pagán, referente do Novo Cinema Galego e da cinematografía experimental. A entrega deste premio será o sábado 11 no Auditorio do Concello, nun acto especial e emotivo onde se proxectarán unha selección de traballos nucleares da cinematografía experimental galega dos últimos anos.

Haberá tres actividades ofrecidas de forma gratuíta. O sábado 11 terá lugar o “Proxecto Remolque”, obradoiro creativa de manipulación de película cinematográfica en 35 mm dirixido a todos os públicos e impartido polos cineastas Alberte Pagán, Cris Lores e Belén Veleiro; e o “Paper Cinético", obradoiro dirixido a nenos e nenas consistente en fabrica artesanalmente xoguetes e aparellos precinematográficos. O domingo será o momento da Gala de Clausura, evento presentado pola actriz Déborah Vukusic no que terá lugar a entrega de premios.

Salir de la versión móvil