Vigo e a súa área logran cinco premios Martín Códax da Música

Publicidad

Vigo e a súa área metropolitana asinan unha notable presenza nos premios Martín Códax da Música, que celebraron este mércores a gala de entrega de galardóns no Pazo da Cultura de Pontevedra.  A entrega da octava edición destes premios converteuse no desexado punto de encontro para as músicas e músicos de Galicia tras máis de dezaoito meses de pandemia. Desde Músicas ao Vivo, entidade organizadora da gala, expresouse a enorme alegría de poder realizar o evento nun auditorio repleto de xente e tamén a esperanza de que a superación da crise sanitaria sexa unha oportunidade para dignificar a profesión. Preto de catrocentas persoas gozaron de maneira presencial no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra da gala, que tamén foi retransmitida online.

No caso de Vigo, a banda viguesa con fondos lazos con Nigrán Moon Cresta, a artista moañesa e viguesa de adopción Wöyza, os bueueses The Skarnivals, o redondelán Alberto Vilas e os vigueses Bafana Bafana lograron o premio na súa categoría nunha gala na que tamén se premiou a Brais Morán, A banda da Loba, N.E.O, MJ Pérez, Allova, María Toro, Xurxo Fernandes & Pedro Lamas, Caamaño & Ameixeiras, Lamas / De Miguel / Romero, Radio Bulebule (Paco Nogueiras), Coro da Ra, Banda de Música de Chantada e o programa de radio O recanto do Corcovado.

Na gala, con dirección artística e presentación de Marcos PTT Carballido que xa anunciara moito humor para o evento, houbo lugar tamén para a reflexión sobre a situación do sector cultural e musical antes e durante a pandemia. “A superación desta pandemia ten que ser a oportunidade definitiva para dignificar a nosa profesión. Hai que aproveitar que se resetearon moitos asuntos profundos na sociedade e que se puxeron sobre a mesa outros tantos que se daban por conquistados, non só a nivel social, tamén na economía ou na cultura. É o momento de reivindicar dereitos básicos para nós que parecían inamovibles: rematar coa precariedade, conseguir a consideración de traballadoras, poder rematar a nosa vida laboral coas mesmas prestacións merecidas que as doutros sectores produtivos, poñer no foco o talento galego, crear industria e unha rede de espazos nos que actuar”, apuntou Xiana Lastra, presidenta de Músicas ao Vivo, en nome da xunta directiva da entidade.

Alegría, reinvindicación e emoción nas intervencións dos proxectos premiados; os primeiros anuncios da noite foron os das categorías de Funk, Blues e Soul para Brais Morán, Canción de autor/a para MJ Pérez, Metal para N.E.O e Electrónica para Allova. Seguíronlle os anuncios dos premios nas categorías de Reggae, Ska e Mestizaxe, para The Skarnivals, Música Tradicional, para Xurxo Fernandes & Pedro Lamas, Rock, para Moon Cresta, e Coros e Grupos Vocais, para o Coro da Ra. Precisamente ao Coro da Ra pertencen algunhas das integrantes do octeto vocal que se encargou da música ao vivo na noite do mércores no Pazo da Cultura de Pontevedra, coa dirección musical de Carmen Rey e Ramón Bermejo.

A Banda de Música de Chantada resultou o proxecto premiado na categoría de Bandas Populares e seguíronlle no escenario Radio Bulebule, de Paco Nogueiras, en Música Infantil; Lamas, De Miguel e Romero en Músicas do Mundo, Caamaño & Ameixeiras en Folk e Bafana Bafana na categoría de Orquestras, Grupos e Música de Verbena. Os últimos anuncios da noite para recibir os galardóns deseñados polo escultor e músico Víctor Lorenzo foron os de Música Clásica e Contemporánea para Alberto Vilas por “Naialma”, Jazz e Músicas Improvisadas para María Toro polo seu traballo “Fume”, Pop e Indie para A banda da Loba, e Músicas Urbanas para Wöyza. Durante a gala destacouse a alta participación na convocatoria dos premios malia as dificultades do sector musical neste último ano e medio de pandemia. Máis de catrocentos proxectos musicais inscribíronse nesta oitava edición.

Había premios xa coñecidos e difundidos antes da celebración da gala que, malia a ausencia do efecto sorpresa, recibiron algúns dos aplausos máis cálidos da noite. Ese foi o caso dos Organistrum extraordinarios de 2021 a festivais e salas de concertos, que non se someteron ao escrutinio do xurado nin ás posteriores votacións das socias e socios de Músicas ao Vivo pola difícil situación que atravesaron no último ano. Dese xeito consideráronse premios de carácter extraordinario e foron concedidos á sala de concertos Mardi Gras da Coruña e ao Festival Jazz de Ría. Si se someteu a votación a categoría de Proxectos de Comunicación e Difusión Musical na que resultou galardoado o programa de radio O Recanto de Corcovado, conducido por Lois Atanes.

Tampouco sorprendeu a ovación máis longa da noite, destinada a Pablo Barreiro, unha figura moi querida polo colectivo musical galego. O produtor, compositor e técnico de son, responsable durante máis de tres décadas do arquivo sonoro da Radio Galega, está considerado unha figura histórica da música do país e recibiu o Premio Honorífico desta oitava edición dos Martín Códax. “Este premio vén dos músicos, é o mellor premio que un técnico de son pode obter. Non hai maior galardón que o músico se recoñeza no noso traballo”, sinalou Barreiro que recolleu a estatuíña da man de Xoán Allegue, director das Bodegas Martín Códax, e da concelleira de Cultura de Pontevedra, Carme Fouces.

As Bodegas Martín Códax patrocinan os Premios Martín Códax da Música, promovidos por Músicas ao Vivo, que contan ademais co apoio do Concello de Pontevedra, Agadic-Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra, con representaciòn na gala. A inscrición de proxectos é libre e gratuíta e un xurado profesional encárgase de avaliar e puntuar todos os proxectos inscritos. En 2021 o xurado estivo formado pola cantante Carla Green, o músico Pablo Morán, o xornalista musical Carlos Crespo, o músico e programador Pepe Doré e a cantante, pianista e percusionista Diana Tarín. Do traballo do xurado sae a listaxe de finalistas e son as socias e socios de Músicas Ao Vivo quen votan nunha segunda rolda, durante o mes de outubro, para escoller os proxectos premiados.

 

 

Salir de la versión móvil