Unha vintena de recoñecidas autoras, que ao longo da historia contribuíron coas súas obras á igualdade desde a literatura, serán protagonistas na tarde deste luns do acto de celebración da Deputación de Pontevedra na sede de Vigo organizado ao abeiro do Día das Escritoras. O evento consistirá nunha lectura pública de fragmentos das obras destas escritoras por parte de mulleres e homes da cultura da provincia, e se encadra na Alianza Local pola Axenda 2030 que impulsa a Deputación coa celebración dos Días Mundiais relacionados co cumprimento dos ODS.
O acto, que comezará ás 19:00 horas, será unha excelente ocasión para achegarse á obra dunha vintena de creadoras como Rosalía de Castro, Pardo Bazán, Carmen Baroja, Elena Fortún, Concha Méndez, Teresa de Jesús, Mercé Rodoreda, Josefina Carabias, Gloria Fuertes, Ana María Matute o Circe Maia entre outras. Para homenaxealas, un potente elenco de mulleres e homes da literatura actual, do xornalismo, do ensino, das artes escénicas ou da música, prestarán as súas voces para ler fragmentos destas autoras que no seu momento sufriron a marxinación polo feito de ser mulleres que se atrevían a escribir, e contribuíron á igualdade dende as súas obras.
Entre as lectoras, amais da propia presidenta da Deputación, Carmela Silva, que lerá unha pasaxe de “La Hija del Mar” de Rosalía de Castro, figuran escritoras como Isabel Blanco, Ledicia Costas, Silvia Penas, María Lado, María Xosé Queizán, Inma López Silva, Mar Nieto, Lara Dopazo ou An Alfaya. Tamén soarán as voces do director do MARCO, Miguel Fernández Cid; Carla Sofía Amado, directora do Instituto Camoes; Esteban Valverde, director do Conservatorio Superior de Música; xornalistas como Sandra Penelas e Ana Fuentes; a profesora María Jesús Pérez; María Costa, profesional das artes escénicas; Raquel Vázquez, doutora en Filosofía; e o libreiro Xurxo Patiño.
O evento, que será introducido pola editora viguesa Teresa Zataraín, socia de “Clásicas e Modernas”, terá estritas medidas anticovid19 e por elo celebrarase cun formato consistente en dúas quendas de lectura con 10 intervencións cada unha delas. Só unha parte das lectoras farán a lectura presencialmente na sede da Deputación, na rúa Eduardo Chao, mentres o resto conectarase a través da plataforma Zoom co obxectivo garantir en todo momento o respecto ao aforo máximo. Ao mesmo tempo, para facilitar o seguimento para o público interesado farase unha retransmisión do acto por streaming a través do portal da Deputación (premer aquí).
Esta celebración toma como referencia o gran acto do Día das Escritoras que coordina a Biblioteca Nacional de España en colaboración coa Federación Española de Mulleres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e coa Asociación Clásicas e Modernas. O comisariado nesta quinta edición está a cargo de Elvira Lindo, quen seleccionou ás autoras en torno ás que xirará a lectura dos textos. Tres de elas, Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán e Pura Vázquez, representan ás letras galegas.