A Escola de Letras da Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia, a primeira posta en marcha en Galicia e unha das escasas que existen a nivel estatal, comezará a escribir a súa terceira edición a partir do vindeiro 8 de febreiro. Neste 2022 serán de novo seis obradoiros (tres en Vigo e tres en Pontevedra), cun total de 90 prazas e cun claustro formado por tres autoras, Inma López Silva, Elvira Ribeiro e Anna Figueiredo, e dous autores, Diego Giráldez e Antonio García Teijeiro, baixo a dirección de Francisco Castro. A presidenta Carmela Silva participou na sede provincial en Vigo na presentación das novidades desta terceira edición xunto ao director e ao escritor García Teijeiro, e subliñou que este proxecto estrela “xa pode falar dunha historia de éxito” pois a pesar de ter nacido nun escenario de pandemia, foi quen de “poñer en valor a literatura, as letras, as persoas que se dedican a ela, os lectores e lectoras e os escritores e escritoras que van nacer da Escola”. De feito, nas dúas anteriores edicións foron 355 os e as participantes nos 12 obradoiros desenvolvidos e nas 4 máster class.
Carmela Silva asegurou que a Escola de Letras “foi unha das mellores ideas que puxemos en marcha” recollendo a proposta de Galaxia, para o que tamén aludiu a unha recente declaración do ministro francés de Economía, Bruno de Maire, “que subliñou que a literatura é unha arma de liberdade”.
O director de Galaxia e da Escola, Francisco Castro, que destacou que esta iniciativa existe “porque un día decidimos conxugar o verbo amar” e pola “complicidade” da presidenta e da Deputación, avanzou as novidades desta terceira edición, que este ano se desenvolverá entre os meses de febreiro e novembro. Arrancará o 8 de febreiro co primeiro dos obradoiros de Inma López Silva en Vigo, e amais dos seus obradoiros programados, incluirá de novo máster class con autores e autoras de prestixio, abertas á cidadanía e que se espera que este ano sexan tamén presenciais. No caso dos cursos, será novidade o que ofrecerá Anna Figueiredo, titulado “Escribir. Xéneros, técnicas, temáticas”, que responde a unha demanda do alumnado e que “será máis aberto, para falar de cuestións como tratar cunha editorial ou os premios literarios”.
Ademais, anunciou a publicación do segundo volume con textos dos e das participantes da II edición da Escola, “Tes cinco minutos #2”, co gallo do Día do Libro, e avanzou que tamén neste 2022 se editará a primeira obra, de corte fantástica, dunha alumna da Escola de Letras. “O libro dos textos do alumnado non é un libro institucional, é un libro que se pode comprar en todas as librerías de Galicia e en liña, o que é un estímulo brutal para eles e elas como autores e autoras", indicou Castro.
Outra das novidades estará no sistema de inscrición que se abrirá para cada un dos cursos (todos eles de 15 prazas) un mes antes do inicio. Deste xeito, a partir de mañá martes 18, ás 8:00 horas, abrirase o prazo para asistir aos dous primeiros cursos, de Inma López Silva, que se desenvolverán entre febreiro e abril. As persoas interesadas deberán inscribirse en escoladeletras@editorialgalaxia.gal.
Programación
Os obradoiros literarios deste 2022 arrancarán cos que ofrecerá Inma López Silva en Vigo (8, 15 e 22 de febreiro; 8, 15, 22 de marzo e 5 e 19 de abril) e Pontevedra (10, 17 e 24 de febreiro; 3, 10, 17, 24 e 31 de marzo), e continuarán co de poesía de García Teijeiro en Vigo os días 26 e 27 de abril. Retomaranse en setembro, cando iniciarán os seus obradoiros Anna Figueiredo en Pontevedra (19 e 26 dese mes; 3, 10, 17 e 24 de outubro e 7 e 14 de novembro) e Diego Giráldez en Vigo (13, 20 e 27 de setembro; 4 e 11 de outubro). En outubro arrancará o obradoiro de poesía que impartirá Elvira Ribeiro, en Pontevedra (18 e 25 dese mes). Todos serán de 18:00 a 20:00 horas agás o de Anna Figueiredo, de 19:00 a 21:00 horas.