Zahera recibirá o Premio Cinema Galego no FICBUEU

Publicidad

Luís Zahera recibirá o Premio Cinema Galego na nova edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBUEU), que se desenvolverá na vila morracense entre o 6 e o 14 de setembro. Ademais, o público do evento poderá coñecer en profundidade a intensa traxectoria do actor compostelán no Encontro con Luís Zahera que se desenvolverá o sábado día 7 no Centro Social do Mar a partir das 18:00 horas.

Zahera entrou nos fogares galegos a finais dos anos 90 como o mítico “Petróleo” da serie “Mareas vivas” e a día de hoxe conta cun amplo percorrido en televisión, teatro e cine, onde interpretou a memorables secundarios. “Concursante”, “Celda 211” ou “Que dios nos perdone” son algunhas das longametraxes que inclúe o seu currículum, aínda que no último ano cómpre destacar o seu papel maxistral na película “El reino”, de Rodrigo Sorogoyen, que lle valeu un Goya como mellor actor de reparto. O actor ten pendente a estrea de “Mientras dure la guerra”, filme dirixido por Alejandro Aménabar. No entanto, non deixou de traballar en series de éxitos como “Sin tetas no hay paraíso” ou a recente “Vivir sin permiso”.

Alén de descubrir a persoa que hai detrás de todas esas personaxes, o Encontro con Luís Zahera porá de relevo unha das facetas máis descoñecidas da súa carreira coa proxección de tres traballos curtos. A curtametraxe “O matachín”, dirixida por Jorge Coira en 1996 e protagonizada por uns novísimos Zahera e Tosar, está xa considerada un clásico do audiovisual galego. “Marina”, de Álex Montoya, é unha obra de 2010, pois o homenaxeado nunca deixou de traballar neste xénero. A sesión completarase cun capítulo de “Entre pipas”, a singular webserie que coprotagoniza canda Xulio Abonjo.

O acceso ao Encontro con Luís Zahera será de balde, pero debido ao aforo limitado da sala é preciso retirar no mesmo día un convite no despacho de billetes do Centro Social do Mar, que estará aberto de 10:00 a 12:30 horas pola mañá e a partir das 17:00 horas na tarde.

Salir de la versión móvil