A Miteu da UVigo arranca con éxito de público: estas son as outras obras que poderás gozar

Publicidad

Cultura e universidade abrazáronse de novo en Vigo. O campus da UVigo vivía unha xornada especial para os amantes da cultura. Regresaba a súa oferta cultural cunha nova edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Vigo (Miteu), nesta ocasión unha entrega adaptada ás esixencias que marcan as autoridades sanitarias e máis galega que nunca ao apostar polas creadoras e creadores locais.

O Teatro Vidal Bolaño rexistraba a mellor entrada posible. O aforo completábase pouco antes das 18:30 horas, momento no que o escenario xa agardaba pola representación de “A emperadora”, peza teatral que correría a cargo da Aula de Teatro Universitaria de Lugo. Pero antes de que o teatro invadira o espazo cultural do campus da UVigo, o técnico superior de Actividades Culturais, Alfonso Caride, quixo agradecer a presenza dos asistentes e recordou o protocolo Covid e a presenza de códigos QR na entrada ao recinto para poder ver que representacións compoñen esta edición tan especial da Miteu. Ao final de seu diálogo co público, soamente unha frase. “A cultura é segura”, unhas verbas que son, ademais, o lema da programación cultural da Universidade de Vigo.

Era o gran momento da cultura. Do teatro. Os membros da Aula de Teatro Universitario de Lugo representaban “A emperadora”, unha peza de Carmen Conde que recrea a vida nunha aldea do rural profundo de Lugo que se ve alterada pola morte dunha das súas veciñas e o seu velorio, ao que se achegan xentes de toda a comarca para darlle a despedida. Esta “comedia negra baseada en feitos reais que só podería ter acontecido en Galicia” é a estra dunha edición da Miteu que volvera a acoller representacións os días 28 de abril (A casa da Forza 2, 52-88), 12 (Aínda que siga brillando a lúa) e 19 de maio (Tic Tac).

Todas as representacións serán ás 18.30 horas no Teatro Vidal Bolaño, con entrada libre ata completar as prazas e con reserva previa. Para acudir ás representacións é necesario reservar a butaca enviando un correo electrónico a extensión@uvigo.gal ou a través do teléfono 986.813.626 ata as 13:00 horas do día da función. A capacidade do Teatro Vidal Bolaño está agora limitada a 49 butacas e, en cada función farase unha listaxe das persoas asistentes que se gardará durante un mes por se fose necesario localizar a alguén.

GALERÍA DE FOTOS

Salir de la versión móvil