A UVigo lanza un abono para acceder ás instalacións deportivas do campus de Vigo en verán

MUVERS UVIGO

Publicidad

Que a chegada do verán non sexa escusa para deixar de lado a práctica deportiva e de actividade física. Este é o obxectivo da Área de Benestar, Saúde e Deporte, que propón á comunidade universitaria aproveitar todas as posibilidades que ofrece o campus de Vigo a través do programa Exploracampus. Trátase, como explica Javier Rial, director técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte, de “chamar a atención sobre as posibilidades que ten o campus e a súa contorna para desenvolver actividades físicas”, por exemplo camiñar, andar en bicicleta, correr ou practicar orientación.

O que se busca é potenciar que, ademais dos programas de actividades dirixidas ou de uso das instalacións deportivas, a xente empregue o campus como lugar para a práctica deportiva pola súa conta. Para iso contan con pistas de carreira a pé, préstamo de BTT, roteiros ambientais a pé ou en bicicleta, etc. Trátase, en definitiva, de converter o campus nun ximnasio ao aire libre.

Abono Muver verán

Para as e os que prefiran empregar as instalación deportivas do campus ou participar en actividades dirixidas existe a opción do Abono Muver de verán, que dá acceso ás instalacións deportivas da Universidade de Vigo nos tres campus durante todo o seu horario de apertura: salas cardio-fitness, tenis de mesa e pistas de atletismo (Vigo e Ourense), pistas de tenis (Vigo e Ourense), muro de escalada (Vigo) e aluguer de bicicletas BTT (Vigo).

Ademais, tamén se pode participar de balde nas actividades dirixidas de fitness incluídas no abono e ter un seguimento técnico dos programas de adestramento. A maiores, as e os abonados mUVer que formen parte da comunidade universitaria benefícianse dun 20 % de desconto nas escolas deportivas e nas actividades puntuais no medio natural, como son os programas Augaventura e Delecer.

O prezo do Abono Muver verán é de 15 euros para a comunidade universitaria UVigo, familia e Alumni UVigo; 22,50 euros para outras persoas e colectivos vencellados á UVigo e 30 euros para persoas alleas e comprende dende o 1 de xuño ata o 31 de agosto.

Salir de la versión móvil