Despois dun mes de espectáculos, a Mostra Internacional de Teatro Universitario de Vigo (Miteu) clausurou onte no Teatro Vidal Bolaño a edición deste ano coa representación de Tic-Tac, unha obra posta en escena pola Aula de Teatro do campus de Vigo, anfitrións desta mostra. Dirixida por Casilda Alfaro e Sonia Rúa, a peza inspirouse nun texto de Suso de Toro, galardoado co Premio da Crítica de narrativa galega e definido polo seu autor como “perturbador, patético e sinistro”.
O argumento de Tic-Tac ten que ver coa infancia e a familia do Nano, un home que regresa a súa casa para atoparse cos recordos do pasado, dunha vida que onte se presentou sobre o escenario a través de personaxes e cadros lúdicos e tráxicos cos que as espectadoras e espectadores puideron sentir emocións contraditorias.
Unha peza coa que “Suso de Toro quedou impresionado”
A representación de Tic-Tac na Miteu supuxo a volta ao escenario dun traballo estreado por Teatro de Ningures no ano 1995, unha adaptación de Etelvino Vázquez e Xosé Manuel Pazos que para Casilda Alfaro é “emblemática para a compañía por innovadora e arriscada”. Naquel momento, o proxecto foi “moi ben recibido polo público e a crítica” e “Suso de Toro quedou impresionado”, asegura Rúa.
Co gallo do 25 aniversario da súa estrea, Alfaro e Rúa quixeron retomala porque se trata dunha “moi interesante opción para a Miteu” por ser “unha obra con moitos valores, non só escenográficos”. De feito, Alfaro cre que Tic-Tac “está de plena actualidade polo contexto político e os tempos que se aveciñan”, e así quedou demostrado onte no escenario do Teatro Vidal Bolaño, sobre o que actuaron Juan Diego Comesaña Lorenzo, Julia Abal Rúa, Rosa María Molares Alonso, Miguel Rodríguez Carretero, Antón Abal Rúa, Laura Alonso Estévez, Cecilia Jiménez López e Belén Verea López de Guereñu.
As directoras do proxecto da Aula de Teatro do campus de Vigo coinciden en que organizar unha peza con “só dous meses de traballo, aínda que sexa un curso de posta en escena no que a obra xa está montada, é moi complicado”. Ademais, este ano os ensaios implicaron un esforzo a maiores polas normas sanitarias establecidas, como o uso de máscara ou a distancia de seguridade. “Ao principio é moi raro porque o teatro precisa proximidade”, subliña Alfaro, “pero fas da necesidade virtude e investigas novas formas de relacionarte, dando importancia aos ollos e ao corpo”.
Peche a unha programación cultural segura e con boa acollida
Despois desta última actuación, Alfonso Caride, técnico superior de Actividades Culturais, resalta a boa acollida da programación cultural deste curso, organizada baixo o lema Cultura Segura. Tras un ano de parón cultural, as aulas de teatro participantes afrontaron esta nova edición da Miteu “con moita ilusión” e, neste senso, Casilda Alfaro sinala que “todas as representacións foron innovadoras e creativas e demostran que hai un gran nivel nas aulas universitarias”, con “propostas de dirección moi atrevidas”.
No seu balance, Caride non só atende aos eventos teatrais, senón tamén aos musicais. Así, destaca o éxito do festival Sonora, agora chamado Sonora 2.1, que o 5 de maio sorprendeu ás persoas asistentes cunha mestura de ritmos electrónicos e literatura tradicional galaico-portuguesa. Seguindo a normativa marcada pola pandemia da covid-19, a actuación de Laura LaMontagne e PicoAmperio encheu todas as localidades ofertadas. En xeral, todas as representacións completaron o aforamento definido, o que proba que “a xente ten moitas ganas de seguir gozando da cultura, e da cultura segura”.