A UVigo porá en órbita un nanosatélite para analizar o comportamento de microorganismos no espazo

Publicidad

Nun contexto no que moitas axencias espaciais pensan na posibilidade de realizar viaxes a Marte, unha vintena de estudantes de catro enxeñarías dos campus de Ourense e Vigo puxo en marcha UVigo SpaceLab, un equipo multidisciplinar dedicado ao deseño, fabricación e operación de pequenos satélites e misións espaciais no eido da educación. Conscientes das grandes perspectivas de futuro deste sector e co apoio de investigadores e empresas, os membros de SpaceLab traballan desde hai meses nunha misión biolóxica que ten por obxectivo analizar os efectos reais da exposición prolongada dos microorganismos ao medio espacial.

O proxecto denominado BIXO (Bacteriological Intercommunication eXperiment) ten un horizonte temporal de tres anos e, de cara as seguintes etapas, a asociación busca novos membros a través dunha convocatoria dispoñible para todas as alumnas e alumnos da Universidade ata o vindeiro 27 de maio.

Levar vida ao espazo, “unha misión innovadora e útil para a exploración espacial futura”

BIXO xurdiu cando un dos membros de UVigo SpaceLab convenceu a todo o equipo para levar vida ao espazo, “unha proposta prometedora” que permitiría “contribuír á exploración espacial futura”. Unha vez definido o propósito da súa misión, SpaceLab contactou coas expertas e expertos co Centro de Investigación Biomédica da Universidade de Vigo, Cinbio, que, como afirman os estudantes que conforman o laboratorio, “axudaron a desenvolver o concepto do experimento e chegar onde nos atopamos actualmente”.

O proxecto BIXO ten a finalidade de “entender como afecta a exposición prolongada ao ambiente espacial, tanto nos humanos como nos organismos que viaxan con eles”. Para cumprir este obxectivo, enviaranse cultivos bacterianos ao espazo a través de tarxetas de milifluídica nun CubeSat, un satélite de pequenas dimensións. A análise dos datos das mostras comezará cando este nanosatélite estea en órbita e, grazas aos seus sensores, terá en consideración distintos parámetros do comportamento dos microorganismos, como o seu crecemento ou a posible comunicación intercelular bacteriana.

A importancia dos procesos examinados é máxima xa que poden influír na saúde e seguridade das astronautas. No caso dos patóxenos é evidente, pois tanto o seu desenvolvemento como a comunicación intercelular poden xerar resistencia aos antibióticos, crear biofilms ou mesmo orixinar factores virulentos.

Cada vez máis preto do obxectivo

O calendario de traballo do proxecto BIXO conta con varias etapas, fixadas en base aos estándares ECSS, European Cooperation for Space Standardization, da Axencia Espacial Europea. Despois de acadar o primeiro punto do seu programa, UVigo SpaceLab atópase na fase A, pois segundo Manuel Diz, un dos integrantes do grupo, “logramos definir a misión e todos os requisitos necesarios para obter os datos que buscamos, e agora comeza o desenvolvemento dos subsistemas e da carga útil que levará a cabo o experimento en órbita”.

O plan para este 2021 é completar as fases A e B, que supoñen o deseño preliminar e o prototipo da estrutura e os distintos subsistemas. En 2022, a asociación centrarase nos pasos C e D, comezando coa ensamblaxe e verificación da misión. Paralelamente, UVigo SpaceLab executará probas preliminares cos organismos que serán enviados no CubeSat, “para asegurar que poderán sobrevivir á viaxe”.

Na última etapa, “non antes de 2023”, lanzarase o CubeSat a súa órbita obxectivo. O experimento prolongarase entón nove meses, que é o tempo que duraría unha viaxe entre a Terra e Marte na actualidade, como explican os estudantes. Nese tempo, as investigadoras e investigadores descubrirán as diferenzas entre os procesos ocorridos no espazo e os que suceden no contexto terrestre e poderán demostrar que o envío de microorganismos en viaxes longas é viable para a consecución doutros fines.

De acordo con Diz, a acollida do proxecto foi moi positiva “dentro do ámbito da Universidade de Vigo, entre o estudantado e persoal das distintas escolas e facultades”, pero tamén fóra, xa que nos últimos meses a misión incorporou diversas empresas patrocinadoras. Dentro da Universidade, o grupo conta coa colaboración da catedrática Carmen Sieiro, para o deseño da investigación biolóxica, e dos profesores Isabel Pastoriza e Jorge Pérez, do Departamento de Química Física. Así mesmo, todo o traballo está a ser analizado polos docentes Arno Formella, Fermín Navarro e Fernando Aguado, que tamén é responsable da Agrupación Aeroespacial da UVigo.

Á busca de máis integrantes para a asociación

Nacido no ano 2020, o equipo de UVigo SpaceLab abrangue actualmente estudantado das escolas de enxeñaría de Telecomunicación, Aeronáutica e do Espazo, Industrial e da Escola Superior de Enxeñaría Informática.

Sabedores dos desafíos dos vindeiros anos e co fin de ampliar o grupo e a súa capacidade de traballo, os membros de SpaceLab acaban de lanzar unha convocatoria aberta a todo o alumnado da Universidade ata o 27 de maio. As candidatas e candidatos deberán cubrir un formulario en liña, acudir a unha entrevista e, no caso de seren seleccionados, participar nunha formación extensa no eido dos pequenos satélites. O único requisito de inscrición é “ter ganas de participar nunha misión apaixonante”.

Salir de la versión móvil