Como acadar datos medioambientais, mariños e costeiros? De que maneira se emprega a información obtida a través de ferramentas oceanográficas e meteorolóxicas? Cal é o xeito máis apropiado de manexar instrumentos vinculados coa estratexia europea do Crecemento Azul? Para responder a todas estas preguntas desde unha perspectiva teórico-práctica, a Facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo organiza ao longo desta semana o Curso de utilización de información medioambiental, un título propio da Escola Aberta de Formación Permanente, apoiado polo proxecto Radar on Raia e financiado polos fondos FEDER a través do programa POCTEP.
Na presentación do curso, Miguel Ángel Nombela, decano da facultade, e Gabriel Rosón, catedrático do Departamento de Física Aplicada, subliñaron o carácter práctico do programa, así como a variedade de intereses dos 10 asistentes, pertencentes á comunidade universitaria e ao sector oceanográfico en xeral. “Tendo ou sentindo todos os participantes responsabilidade social no sector do mar”, a organización ten como obxectivo proporcionarlles ferramentas útiles para o desenvolvemento das súas actividades, sexan “deportivas, recreativas ou profesionais”.
Módulos teóricos e prácticos
Durante as 20 horas de duración do curso, as persoas matriculadas participan nunha serie de sesións que combinan a ensinanza teórica coa práctica. Tendo en conta a diversidade de profesións e intereses dos asistentes, entre os que hai alumnado, graduadas e graduados e incluso futuros estudantes, os contidos teóricos desta formación complementaria céntranse na descrición das variables ambientais, atmosféricas e oceanográficas. Pola súa banda, a práctica baséase no coñecemento da plataforma Portus para a explotación e desenvolvemento da información ambiental, o estudo do sistema de información xeográfica QGIS e a análise das infraestruturas de distribución de datos.
Para completar a formación, son seis os especialistas que se ocupan de impartir os relatorios. O catedrático da UVigo Gabriel Rosón, ademais de presentar o curso, foi o encargado de inaugurar a actividade coa charla máis teórica do programa. Outro docente da Facultade de Ciencias do Mar e membro do Centro de Investigación Mariña (CIM) da UVigo, Ramiro Varela, impartiu a sesión desta mañá.
Como explicou Rosón na presentación, as e os relatores dos tres últimos días “pertencen a institucións públicas que contan cunha gran cantidade de datos dispoñibles para a comunidade científica e o público en xeral”, polo que afondarán na parte práctica do curso. A conferencia de mañá mércores estará dirixida por Maribel Gil, de Puertos del Estado, e o xoves encargaranse da sesión Begoña Vila e Pedro Montero, do Instituto Tecnolóxico para o control do medio mariño de Galicia (Intecmar). Por último, o venres será a quenda de José Ramón Ríos, profesor da Universidade de Santiago de Compostela e investigador do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTiUS).