Máis de 5.000 estudantes enchen os centros da UVigo na procura dun futuro na universidade

Publicidad

Todos os edificios de todos os campus da UVigo, a excepción das facultade de Fisioterapia e Belas Artes, que non dispoñen de aulario axeitado, acollen desde hoxe e ata o vindeiro xoves as probas da ABAU ordinaria 2021. Un total de 5478 estudantes, procedentes de centros das provincias de Pontevedra e Ourense, iniciaron ás 10.00 horas coa proba de Historia de España a Avaliación de Bacharelato para Acceso á Universidade (ABAU) do ano 2021, marcado novamente pola pandemia, o que obrigou, por segundo ano consecutivo a habilitar máis espazos, así como medidas que eviten contaxios entre o alumando e o persoal que participa na organización e realización das probas. “En principio todas as probas deberíanse celebrar con total normalidade. Os modelos de exames e protocolos están publicados desde hai meses, polo que o alumnado ten un coñecemento preciso do que se ían atopar e o que se espera deles. A elevada optatividade debería contribuír a que ninguén se sinta prexudicado polas circunstancias persoais vividas”, asegura Luis Muñoz, delegado da UVigo na Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), que tamén incide en que todo o persoal que participa nas comisións delegadas, presidentes, secretarios e vogais, “son conscientes en todo momento do que se está a vivir e saben que hai que facilitarlle ao alumnado todo o que se poida a realización das probas, sen alterar as condicións de igualdade entre eles”, explica.

Dos 5478 estudantes que desde hoxe se examinan nas comisión delegadas dos tres campus da UVigo, 2983 realizan as probas nos centros do campus vigués; 1233 no campus de Pontevedra e 1150 no de Ourense. Respecto do ano pasado, o número de estudantes que realiza a ABAU este 2021 descendeu, xa que en 2020 foron 6089, non obstante, si se rexistra un incremento respecto do ano 2019 cando se examinaron na UVigo 4631 alumnas e alumnos. “Este ano non medra o número de inscritos respecto ao ano pasado, senón que baixa un pouco, uns 600 alumnos, pero aumenta sobre o último ano ‘normal’, o 2019, nuns 850 estudantes”, sinala o delegado da UVigo na CIUG, que lembra que en 2020 houbo un número anormalmente elevado de matriculados nas probas, porque a porcentaxe de alumnado que se titulou en Bacharelato rozou o 100%. “Aínda que este ano xa no foi así, a razón fundamental do elevado número de estudantes matriculados na convocatoria ordinaria é consecuencia da elevada matrícula en 2º de Bacharelato, xa que o curso pasado aprobaron case todos os alumnos que estaban en 1º”, aclara Luis Muñoz.

Co mesmo protocolo para evitar contaxios por covid que o ano pasado (distancia entre estudantes de 1.5 metros cando estean sentados, mesas etiquetadas cos nomes, uso obrigatorio de máscara, xel hidroalcólico, etc.), a UVigo tamén aplica para as probas da ABAU deste ano unha ocupación promedia das aulas para facer exames mantendo distancias requeridas para a covid do 25%. “Isto significa que para examinar 5500 estudantes necesitamos aulas que sexan capaces de albergar a 22.000 en condicións normais e isto obrigou a utilizar todos os edificios de todos os campus coa excepción das facultades de Fisioterapia e Belas Artes, ademais do pavillón do campus de Vigo e a biblioteca central do campus de Ourense”, detalla Luis Muñoz, que destaca como novidades este ano o uso do pavillón do campus de Pontevedra, o edificio de Campus da Auga en Ourense, ademais de habilitarse como espazo de exame a pista de atletismo cuberta da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra. “En xeral, tentamos que as comisións tiveran en torno a 200-300 estudantes para seren manexables, xa que hai que utilizar moitas aulas e requírense moitos vocais”, explica o delegado.

Case 3000 estudantes examinándose en nove comisións delegadas en Vigo

Co exame de Historia de España arrancaron ás 10.00 horas as probas da ABAU nas nove comisións delegadas dos campus de Vigo, nos que están inscritos 2983 estudantes, e que o confirman como o primeiro de Galicia, seguido de Santiago con 2768 e A Coruña con 2669 estudantes matriculados.

A Facultade de Filoloxía de Tradución é nesta ABAU 2021 a comisión con máis estudantes, superando os 500, seguida pola Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais con 484 e o edificio de Ciencias Experimentais con 446. O resto de comisións sitúanse nas facultades de Ciencias Xurídicas e do Traballo, a Escola Universitaria de Estudos Empresariais, as escolas de Enxeñaría Industrial, Minas e Enerxía e Telecomunicación e o pavillón. En canto á procedencia do alumnado que desde hoxe se examina no campus vigués para acceder á universidade, o concello de Vigo é o que maior número de estudantes achega, a esta edición da ABAU á que tamén concorre alumando de centros de Redondela, Soutomaior, O Porriño. Mos, Cangas, Moaña, Nigrán, Gondomar, Baiona, Ponteareas, Tui, A Cañiza, A Guarda, As Neves, Tomiño, Salvaterra e Mondariz-Balneario.

Salir de la versión móvil