O Concello do Porriño vén de aprobar a venda dunha parcela de titularidade municipal no polígono industrial PPI-7 por un importe de 960.000 euros, cantidade á que hai que engadir o correspondente 21% de IVE. O terreo ten 13.335 metros cadrados de superficie dos que 10.668 son edificables con fins industriais. Era propiedade municipal ao ser adxudicada no proxecto de compensación do Sur PPI7 de Budiño previsto no PXOM aprobado en 2007.
A firma compradora, a única que se presentou á licitación, é Iberembal, que forma parte do holding empresarial francés Massilly, un grupo líder na producción de envases metálicos. Está especializado na fabricación de cápsulas, latas, aerosois, envases industriais e caixas metálicas. No caso do Porriño, a fábrica destinarase a envases metálicos para conservas alimenticias. Iberembal atópase até agora no Polígono Industrial de Áreas, en Tui.
A operación realizase mediante un decreto da Alcaldía, despois de que no último pleno da Corporación Local, celebrado o 30 de decembro, o PP bloquease a aprobación da venda. Segundo estableceu o pacto de goberno municipal que firmaron PSOE e BNG, a Alcaldía delegou no pleno da Corporación, desde decembro de 2019, as competencias sobre vendas, permutas, arrendamentos e cesións de bens inmobles de titularidade municipal. Sen embargo, a alcaldesa do Porriño decidiu avocar para sí esta competencia delegada con carácter especial de novo para a formalización da venda desta parcela despois de que o Pleno non a aceptara.