Persoal investigador do CIM-UVigo liderará unha nova expedición ao Atlántico norte

Publicidad

Tras unha campaña inicial na que se está a estudar a temperatura, acidificación e falta de osíxeno no Atlántico norte, o proxecto Bocasts2 "Observación bienal del carbono, acidificación, transporte y sedimentación en el Atlántico norte" terá unha segunda fase que se iniciará en agosto e na que participarán expertos e expertas en oceanografía xeolóxica do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, CIM-UVigo.

O obxectivo de seis investigadores e investigadoras do CIM, xunto con especialistas do Instituto de Ciencias do Mar de Barcelona (ICM-CSIC), Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (IIM-CSIC) e da Royal Holloway University of London, é realizar unha análise dos sedimentos da zona de fractura de Charlie-Gibbs. Concretamente , preténdese obter varias sondaxes profundas aliñadas ao longo da zona que permitan interpretar as condicións paleoceanográficas e paleoclimáticas do Atlántico norte durante as últimas decenas de miles de anos.

O proxecto Bocats2 consta de dous subproxectos: un liderado por especialistas do IIM-CSIC e orientado ao estudo da columna de auga; e outro, liderado polo CIM, e dirixido á análise dos sedimentos. O investigador Guillermo Francés, coordinador desta segunda fase, explica que “o obxectivo conxunto consiste en avaliar a variabilidade da circulación profunda do Atlántico norte, mellorando a resolución espazo-temporal das correntes actuais e a escala submilenaria mediante datos paleoceanográficos obtidos en rexistros sedimentarios procedentes de lugares claves para a circulación oceánica global como son as zonas da fractura Bight e Charlie-Gibbs”.

A obtención e análise destes datos, a través do buque oceanográfico Sarmiento de Gamboa, ten importancia porque “o seguimento presente e pasado da circulación e a acidificación oceánicas no Atlántico norte é esencial para avanzar na detección precisa do impacto antropoxénico e mellorar as proxeccións dos modelos climáticos que sustentan os informes do IPCC (Grupo Intergubernamental de Expertos sobre el Cambio Climático) para a rexión europea”, aclara Francés.

A importancia do Atlántico norte 

O investigador comenta que “o coñecemento das flutuacións oceanográficas e climáticas do pasado recente que responde a causas naturais é particularmente interesante nun contexto de cambio global asociado ás actividades humanas”. Debemos lembrar que o exceso de dióxido de carbono atmosférico xerado polas mesmas e o quecemento global asociado son mitigados, en boa parte, polos océanos, que absorben aproximadamente un terzo do CO2 emitido e acumulan máis do 90% do exceso de calor. Segundo Guillermo Francés, “este proceso está particularmente amplificado no Atlántico norte, onde a captación de CO2 supera nun 50% o valor medio oceánico, o que causa acidificación e que pode poñer en perigo o futuro dos ecosistemas bentónicos”.

Ademais, como consecuencia do quecemento oceánico estanse producindo outros dous fenómenos de importancia: a diminución do osíxeno disolto e a ralentización da circulación oceánica. Segundo o experto en oceanografía xeolóxica, “a cantidade de osíxeno disolto xa diminuíu aproximadamente un 2% con respecto ao período comprendido entre 1960 e 2010 e prevese que poida facelo ata un 7% adicional a finais de século.

Pola súa parte, a circulación do Atlántico norte, que constitúe un elemento esencial na regulación do clima europeo e da península ibérica en particular, xa experimentou unha debilitación recente e as previsións do IPCC apuntan a que sexa máis acusada nas vindeiras décadas”. O que destaca o investigador é que “o propio IPCC resalta a falta de observación para poder cuantificar a magnitude desta redución”, de aí a importancia de proxectos coma estes.

A zona de fractura de Charlie-Gibbs, onde se realizará a campaña, é una gran falla transformante, que corta a dorsal centroatlántica, producindo unha pasaxe oceánica profunda que alcanza os 4.000 m de profundidade e que constitúe a principal vía de comunicación para as augas intermedias e profundas entre as concas do norte oriental e occidental. A campaña comezará o 13 de agosto en Reikiavik e finalizará o 30 de agosto en Vigo e está financiada con 124.630 euros do Programa estatal de Xeración do coñecemento do Ministerio de Ciencia e Innovación.

Primeira fase: oceanografía química

Bocats2 forma parte dun amplo proxecto que comezou en 2002 e que se pon en marcha cada dous anos. Os datos que recollen están abertos ao público en bases de datos internacionais e é a maior base de datos de dióxido de carbono que se obtén ao longo de toda a columna de auga do Atlántico norte.

Na primeira fase do proxecto, na que participou o investigador do CIM, Marcos Fontenla, o equipo está a tomar datos entre tres e catro veces ao día en máis de 100 puntos do Atlántico norte para realizar perfís verticais de hidrografía da columna de auga para caracterizar a súa química. Con este datos poden ver os efectos do cambio climático nas masas de auga.

Salir de la versión móvil