Cunha media de capturas dunhas 600 toneladas anuais e máis de cinco millóns de euros en vendas durante o ano 2020, Galicia é, na actualidade, a maior rexión de Europa en produción de ourizo de mar. Francia, Alemaña e Bélxica son os principais países aos que se exportan os ourizos que se colleitan en Galicia, onde desde finais do ano 2019 o persoal do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM-UVigo) lidera o proxecto Ocimer, Optimización do cultivo integral e a metodoloxía de repoboación do ourizo de mar Paracentrotus lividus, financiado polo programa Pleamar da Fundación Biodiversidade con preto de 150.000 euros.
O proxecto botaba a andar a finais do ano 2019 co obxectivo xeral de implementar novas técnicas optimizadas de cultivo e metodoloxías de repoboación do ourizo de mar, así como a recuperación das poboacións de zonas sobreexplotadas da ría de Vigo e da actividade pesqueira asociada. Logo da realización ao longo de case dous anos de cultivos larvarios e de probar diferentes condicións de cría, indutores de asentamento e dietas, o equipo de investigadores e investigadoras, liderado polo director da Ecimat José Manuel García Estévez, e no que tamén participa a experta en criopreservación e biobancarización Estefanía Paredes Rosendo, obtiveron 29.000 exemplares da especie P. lividus, que estes últimos meses se empregaron para repoboar unha zona da costa de Cangas do Morrazo, na área de explotación da confraría de pescadores San Xosé, e na que existía unha poboación de ourizo abondosa, pero moi diminuída nos últimos anos. “A repoboación realizouse en dúas quendas, a primeira solta de 9000 exemplares levouse a cabo en abril e a segunda de 20.000 fíxose este mes de xullo”, confirma Noelia Tourón, técnica responsable do proxecto Ocimer, que avanza a realización dunha nova repoboación a finais de ano.
Innovación tecnolóxica
As metodoloxías de repoboación desenvolvidas ao abeiro de Ocimer co obxectivo de recuperar os bancos naturais de ourizo de mar requiren, aseguran os e as responsables do proxecto, de innovación tecnolóxica, así como da posta en marcha de novas técnicas de identificación individual dos ourizos liberados ao medio natural, que permitan monitorizar aspectos, como o crecemento dos exemplares liberados, o seu comportamento, desprazamentos, dinámica da poboación, etc. e realizar así, un seguimento que faga posible comprobar o éxito da repoboación realizada nun hábitat determinado.
“O mecanismo de marcaxe/identificación individual dos exemplares liberados deber ser facilmente distinguible, ter unha alta taxa de retención e un mínimo impacto tanto na supervivencia, coma no crecemento dos ourizos liberados e o seu comportamento”, sinala Noelia Tourón, que confirma que ao abeiro do proxecto se realizaron diferentes experimentos de marcaxe de P. lividus, tanto en condicións de catividade, como no medio natural, obtendo bos resultados cunha das marcas específicas. Logo das repoboacións realizadas nos meses de abril de xullo, a técnica responsable do proxecto confirma que de xeito periódico se levarán a cabo inmersións co obxectivo de facer un seguimento da evolución da poboación costeira onde se introduciron os exemplares xuvenís e avaliar así o seu desenvolvemento e integración no ecosistema.
Ocimer rematará en novembro de 2021, logo de dous anos de actividade, aínda que os responsables do proxecto solicitaron unha ampliación de oito meses á Fundación Biodiversidade co fin de prolongar o período de seguimento das repoboacións realizadas e poñer en marcha outras actividades complementarias. Durante o tempo de rodaxe do proxecto Tourón agradece “ao persoal do CIM-Ecimat o seu apoio, á confraría de pescadores San Xosé de Cangas a súa participación nos labores de marcaxe e repoboación dos ourizos e ao Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia a súa colaboración co proxecto”, detalla.