O Concello de Redondela vén de rematar a instalación dun semáforo na estrada N-550 na contorna do CEIP Outeiro das Penas, en Cesantes. Dáse resposta así ao que a alcaldesa Digna Rivas cualificou de “demanda histórica” tanto da veciñanza coma da comunidade escolar para mellorar a seguridade viaria nunha zona que rexistra un elevado tránsito de peóns.
Trátase dunha zona na que circulan a pé, diariamente, non só numerosos veciños e veciñas senón que é paso obrigado Camiño de Santiago ao igual que o é para o alumnado e familias do CEIP Outeiro das Penas. O paso de peóns regulado por semáforo quedou instalado entre as dúas paradas de autobuses e a intersección de acceso ao CEIP.
Esta instalación segue a folla de ruta do Goberno municipal por "mellorar a seguridade viaria" nas contornas dos centros escolares. "En menos dun ano a Alcaldía deu tamén resposta as demandas do CEIP Alexandre Bóveda de Angorén, en Chapela, instalando outro semáforo para que alumnos e alumnas puideran cruzar sen risco a N-552", explican dende o Goberno municipal.