Unha curta nacida en Belas Artes chegará ao Festival de Cannes

Publicidad

El viaje, unha curta realizada pola estudante de Belas Artes Claudia Pineda como traballo académico formará parte da programación dun dos principais escaparates cinematográficos do mundo, o Festival de Cannes. A súa peza foi un dos nove traballos realizados por estudantado de diferentes universidades e escolas de cinema de España seleccionados polo Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA) para o seu espazo 2cool4school, inserido na programación do Short Film Corner, a sección dedicada ás curtametraxes do festival francés. Deste xeito, a curta na que Pineda reflexiona sobre o sentido da viaxe tomando como punto de partida unhas imaxes gravadas pola súa avoa na China en 1988 formará parte da videoteca desta sección do festival, un catálogo virtual de curtametraxes ao que teñen acceso programadores de todo o mundo.

“Sinceramente, ao principio custoume crelo. Tardei tempo en asimilalo”, recoñece Pineda, que a vindeira semana participará en Cannes nas actividades do Short Film Corner, dunha selección que define como “un salto importantísimo que me abre un horizonte bastante descoñecido ata o momento”. Segundo explica o cineasta Jorge Rivero, presidente da coordinadora de curtametraxes do ICAA, este organismo adscrito ao Ministerio de Cultura dispuña dun espazo no Short Film Corner “que decidimos dedicar a un programa de curtametraxes de escolas e centros de formación audiovisual de todo o Estado”. Así, a curta de Pineda converteuse nun dos nove traballos escollidos para esta iniciativa inserida no catálogo do ICAA New Spanish Shorts, xunto a pezas realizadas por estudantes da Politécnica de Valencia, Autónoma de Barcelona, Escola de Cinematografía e do Audiovisual da Comunidad de Madrid, Escola de Cinema de Barcelona, Escola Superior de Cine e Audiovisuais de Cataluña e Elías Querejeta Zine Eskola.

Un espazo para o encontro e a promoción

Como explica Rivero, como complemento á sección oficial e á Quincena de Realizadores, o Festival de Cannes impulsou un apartado dedicado ás curtametraxes que conta“cun espazo físico dentro do festival”, no que ao longo de cinco días se suceden unha serie de actividades. Co apoio do Consello Social da Universidade de Vigo, Pineda poderá participar neste espazo, entre o 12 e o 16 de xullo, en sesións de networking, foros de coprodución e outra serie de actividades orientadas fundamentalmente a pór en contacto a cineastas e produtores. Por outra banda, as curtas seleccionadas formarán parte durante un ano da “videoteca” do festival, “á que teñen acceso unha serie de profesionais, fundamentalmente programadores e directores de festivais”, como explica Rivero. Nese senso, Pineda, que contou tamén coa colaboración da facultade e da Vicerreitoría do campus, amósase “enormemente agradecida a todas aquelas persoas que apostaron por levar un proxecto nacido do ámbito da escola e do experimental a un foro tan relevante como este”, que define como “un empurrón de confianza e esperanza para seguir explorando o ámbito artístico”. Ademais de Pineda, en Cannes participará tamén a produtora e profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Beli Martínez, despois de que a curta Sycorax, da que é coprodutora, fose seleccionada para a Quincena de Realizadores do festival francés.

O “espírito viaxeiro” que lle vén de familia

Nacida como un traballo para a materia Produción Artística: Audiovisuais, do grao en Belas Artes, a curtametraxe seleccionada propón “unha reflexión acerca da viaxe interxeracional, partindo de imaxes en HI8 gravadas pola miña avoa nunha viaxe que realizou en 1988”, explica Pineda. “A cabalo entre o documental e o cine ensaio experimental”, El viaje naceu á súa vez do propio espírito viaxeiro da alumna e da súa familia. “Cando se me propuxo realizar un proxecto de libre elección, tíveno claro, a viaxe sempre formou parte de min, da miña intrépida nai e de toda a miña familia”, salienta Pineda, que naceu nos Estados Unidos e viviu ata os sete anos en El Salvador, de onde é orixinaria a súa familia paterna. A continuación, a súa familia trasladaríase ata Mallorca, onde Pineda viviu ata rematar o bacharelato. De feito, decidiu continuar residindo alí, na casa dos seus avós, cando a súa familia se trasladou a Nicaragua e foi nesa casa onde descubriu tamén “o sangue nómade e aventureiro” dos seus avós que, anos despois, serviría como punto de partida para esta curta.

De feito, aquelas vivencias contribuíron tamén a espertar a paixón pola viaxe de Pineda. Tras iniciar os seus estudos universitarios en Granada, explica, "fixen un parón na carreira que durou un pouco máis do planeado e pasei meses navegando polo Índico, aceptando traballos temporais en Australia e facendo autostop por Asia”. Ese mesmo espírito levouna no presente curso ata Mallorca, nesta ocasión na procura da caixa na que a súa avoa gardaba cintas de diferentes viaxes e na que atopou unha con imaxes tomadas na China en 1988, cando “apenas había turismo no país”, que dixitalizou para logo empregalas na curta que agora viaxa ata Cannes.

Unha curta que só se viu unha vez fóra das aulas

Antes da súa inclusión nesta iniciativa do ICAA, El viaje só puidera verse na Mostra de Cinema Periférico S8, da Coruña, que incluíu na súa programación unha sección titulada Quen son? Auto-etnografías fílmicas de artista, que reunía seis filmes realzados por seis alumnas de Belas Artes; Laura Cid, Marta Gil, Valeria Martinez, Raquel Álvarez, Lili Lago, Tamara Goberna e a propia Pineda. Neste punto, a estudante pon de relevo “o entusiasmo e persistencia” da súa docente Xisela Franco, coordinadora dunha iniciativa que lles permitiu participar e presentar os seus traballos neste festival. “Serviunos de espazo iniciático e introduciunos ao mundo do cine experimental”, destaca Pineda. De feito, tanto a participación no S8 como a selección para Cannes convertéronse nunha “enorme motivación” para continuar “explorando, creando e aprendendo” no eido do audiovisual, recoñece esta estudante, que destaca as posibilidades que a formación en Belas Artes lle brinda á hora de achegarse “á linguaxe audiovisual” desde “diversas disciplinas”.

Salir de la versión móvil