Autor de obras poéticas e narrativas amplamente coñecidas, como Con pólvora e magnolias, Percival e outras historias ou O crepúsculo e as formigas, Xosé Luís Méndez Ferrín conta ademais cunha ampla produción de textos xornalísticos.
Co fin de poñer en valor esta parte da súa creación, a Área de Normalización Lingüística, ANL, e o Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo acaban de sacar á luz No Fondo dos Espellos, unha compilación dos artigos publicados nos últimos seis anos por Méndez Ferrín. Abranguendo temáticas variadas, No Fondo dos Espellos recolle 261 textos aparecidos cada sábado na sección homónima do Faro de Vigo entre o 3 de xaneiro de 2015 e o 27 de xuño de 2020, data na que desapareceu este espazo no periódico.
Méndez Ferrín: “Escribir nos xornais é sempre unha especie de vicio”
Presidente da Real Academia Galega ata o ano 2013 e director da revista de pensamento crítico A Trabe de Ouro, Ferrín é “un dos escritores máis relevantes e necesarios da Galicia contemporánea”, segundo as palabras de Fernando Ramallo, director da ANL e profesor do Departamento de Tradución e Lingüística. Sobre o fío condutor deste proxecto, o docente destaca que todos os elementos da cultura galega están presentes nos textos dun autor “con fortes nexos coa Universidade de Vigo”, da que é doutor Honoris Causa.
Na nota previa de No Fondo dos Espellos, o propio Méndez Ferrín explica que a orixe do seu labor xornalístico está nunha viaxe a Lisboa que fixo aos quince ou dezaséis anos. Ao volver desta cidade portuguesa, publicouse en Faro de Vigo unha reflexión titulada “Impresiones de una excursión”. Reparando nese primeiro escrito, o autor considera que as preocupacións daqueles textos xuvenís están aínda presentes na actualidade e cre que “escribir nos xornais é sempre unha especie de vicio que me dominou a partir daquela excursión e artigo conseguinte”.
Ollando as páxinas desta nova publicación, as lectoras e lectores poden percatarse da grande extensión da obra xornalística de Méndez Ferrín, así como da variedade temática que a caracteriza. Os artigos contidos na proposta da ANL e o Servizo de Publicacións abranguen, como se resalta na nota previa do libro, a historia, as ciencias naturais e a literatura, pero tamén a política, a zooloxía, a gastronomía, a lingüística e outros moitos asuntos.
Oportunidade para acceder a textos efémeros
Fernando Ramallo destaca a importancia dunha antoloxía que describe como un xeito de homenaxear a Méndez Ferrín e reparar “o fascinante carácter efémero do traballo periodístico”. Neste senso, o director da ANL expón que o libro, deseñado con obxectivos divulgativos, está pensado tanto para as persoas que puideron desfrutar dos artigos de Ferrín durante os últimos seis anos como para aquelas que, pola inmediatez do xénero discursivo do que se trata, non tiveron esa posibilidade.
Os lectores e lectoras poden atopar case 300 reflexións cunha heteroxeneidade conceptual que fai do libro “unha achega de primeira orde para entender moito do que significa reflexionar sobre Galicia, e, asemade, sobre o mundo”, segundo Ramallo. Asegura o director da ANL que o volume permite comprender “a coherencia intelectual do autor arredor da multiplicidade de temáticas tratadas nos textos que semana a semana foron aparecendo no xornal vigués”.
Repasando as achegas desta compilación, comenta Ramallo que a brevidade dos textos posibilita “a apertura a novas indagacións que cada persoa pode levar a cabo pola súa conta”. Para as receptoras e receptores interesados no terreo lingüístico, a publicación “pon de manifesto un extraordinario dominio do léxico galego”, polo que se converte nun documento valioso para o estudo académico do escritor.
A finais de ano, outro volume con artigos nacidos entre 2007 e 2014
Xa dispoñible para a súa compra, No Fondo dos Espellos forma parte da colección Miscelánea. Serie de textos misceláneos do Servizo de Publicacións da Universidade. Os editores esperan publicar unha segunda parte deste volume a finais deste ano, recollendo os textos publicados por Méndez Ferrín entre 2007 e 2014. Xunto a este florilexio, na sección Miscelánea publicáronse recentemente os títulos Lenguaje y multilingüismo en los mitos del mundo. Dimensiones lingüísticas en el relato folclórico y religioso (2021), de Daniel Pinto, Arquitectura de Ordenadores. Ejercicios prácticos de ARM/Thumb (2020), da man de varios profesores do Departamento de Enxeñaría Telemática, e A transformación feminina da realidade. Unha cuestión de (des)memoria (2020), de Xulio Pardo de Neyra.