Unha tese de doutoramento da UVigo defende os beneficios da alfabetización en galego

Publicidad

Que fenómenos ocorren no proceso de alfabetización en galego de nenas e nenos que viven en contornas nas que se fala castelán? Como afecta ensinar a ler e escribir en galego a esta cativada? Que supón aprender normas sociais e de comportamento con rutinas e ordes en galego? Buscando resposta a todas estas preguntas, a xa doutora en Estudos Lingüísticos Marta Díaz realizou na súa tese unha análise etnográfica sobre o vínculo entre o galego e a ensinanza nunha aula de educación infantil da área de Vigo, zona maioritariamente castelanfalante.

A tese, coordinada polos docentes Xoan Paulo Rodríguez e María del Carmen Cabeza, demostra que a alfabetización en galego é posible e ten beneficios considerables. Para corroborar esta hipótese, a investigación céntrase no eido da socialización, é dicir, no modo en que se relacionan a lingua e a sociedade, como resume o seu título: Socialización bilingüe infantil nunha escola de Vigo (Galicia). Estudo lonxitudinal de nenos de 4 e 5 anos de contornas familiares castelán-falantes alfabetizados en galego: análise etnográfico-interaccional das prácticas alfabetizadoras na aula.

Para o seu proxecto de doutoramento, en parte financiado polas axudas predoutorais da UVigo, Marta Díaz elixiu un colexio dunha zona viguesa na que se fala máis castelán que galego, o CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao, situado no barrio de Navia. Neste contexto, asistiu durante dous cursos escolares a diferentes sesións das aulas de 4 e 5 anos e, tomando como mostra un grupo de 25 alumnas e alumnos, examinou as súas rutinas, levou a cabo gravacións de son, tomou notas etnográficas e realizou fotografías dos espazos e das actividades.

O momento da escolarización, determinante

Baseándose nos datos obtidos, Díaz propón dúas opcións para a alfabetización en galego da cativada. O traballo avoga polo uso maioritario do galego na aula “para favorecer que non perdan contacto con este idioma” e, sobre todo, conclúe que o ideal sería que o achegamento á lingua sexa natural, “non só nun número reducido de materias, como sucede cando inician a educación primaria”.

Segundo a investigación, a escolarización coincide cun momento fundamental na adquisición das linguas porque nese período a aprendizaxe é natural e espontánea e a cativada non etiqueta os idiomas, “para eles son formas de comunicación, independentemente do código empregado”. Velaí a importancia de analizar o que ocorre na educación bilingüe e a necesidade de alfabetizar en galego, “pois o castelán é unha lingua maioritaria que non perderán nunca e é o noso labor defender e empurrar o galego, é a nosa obriga e o que lle debemos”.

Un posible manual de pragmática para “desbotar falsas crenzas”

Como posible aplicación práctica da tese, a autora suxire a creación dun manual de pragmática sobre o uso do galego na etapa educativa que cubre a tese, é dicir, “un manual de prácticas para socializar aos nenos e nenas empregando como lingua vehicular o galego”. A investigadora cre que cun manual desta índole poderían desbotarse “falsas crenzas existentes na sociedade”, como a idea de que aprender dous idiomas de xeito simultáneo pode xerar confusión na cativada ou que aprender lingua galega pode ser negativo nas seguintes etapas educativas.

Importancia das mestras e mestres

Nas súas visitas semanais ao colexio, Díaz rexistrou “todo o que acontecía, tanto a nivel escolar como a nivel de comportamento dos propios nenos”. Posteriormente, as gravacións foron transcritas en detalle pola investigadora, que as analizou para identificar todos os fenómenos lingüísticos determinantes para acadar os obxectivos marcados.

Aínda que a doutora recoñece que nun primeiro momento non pensara en traballar con nenas e nenos tan pequenos e que esta decisión “foi máis idea do director da tese”, coa execución do traballo decatouse de que é un “campo que oferta moitas posibilidades tanto de estudo como de acción para poder alentar o galego na educación”. Neste senso, a tese e os artigos e comunicacións paralelos á mesma fan fincapé na importancia da mestra e da escola como axentes socializadores en lingua galega para as usuarias e usuarios.

Sobre o proceso de traballo, Díaz cre que en xeral foi moi positivo porque “aprendes moitas cousas, coñeces moita xente e, sobre todo, coñéceste a ti mesma, xa non só a nivel de investigadora, senón a nivel persoal”. Engade a filóloga que “facer un estudo deste estilo é todo un reto” xa que foron seis anos e medio nos que pasou as 24 horas pensando na tese, “en que facer, que fixeches e que toca facer”. Así mesmo, sinala que a investigación é unha actividade moi solitaria e que, a pesar de ter apoio de amizades e familia, “no fondo es ti contra a investigación”. Malia o esgotamento do proceso, “ser quen de completar unha tarefa así é moi satisfactorio”, afirma a investigadora.

Salir de la versión móvil