Xapón amosa as súas posibilidades como mercado "atractivo e con futuro" para as empresas galegas

Publicidad

Xapón é un mercado “atractivo e con futuro” para o tecido empresarial galego, español e europeo e sectores como a agroalimentación, a moda e a saúde, pasando pola automoción e a enerxía son os grandes candidatos para completar con éxito a conquista da terceira economía do mundo en termos de Produto Interior Bruto. A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais acolleu este mércores unha mesa redonda na que profesionais de diferentes ámbitos puxeron sobre a mesa as principais oportunidades de negocio e investimento que ofrece a día de hoxe un país que, pese aos seus altos índices de envellecemento, segue sendo referencia fundamental da economía asiática.

Participaron nesta xornada algunhas das voces máis autorizadas para falar, desde España, de como é o mercado xaponés, que o caracteriza e que requisitos deben cumprirse si se quere introducirse con éxito e acadar acordos a longo prazo. Moderados por Pedro Mouriño, director do Foro de Internacionalización do Círculo de Empresarios de Galicia, a mesa redonda abriuse cun saúdo de benvida do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e a lectura dunha carta do embaixador de Xapón en España, Kenji Hiramatsu, loando en ambos casos esta iniciativa posta en marcha desde a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.

“Se algo non gusta ao empresariado xaponés son os pelotazos”

O primeiro en intervir na mesa redonda foi o catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, Xosé Carlos Arias, que fixo un debuxo da situación macroeconómica xaponesa, unha perspectiva na que amosou unha contorna bastante hostil para o comercio internacional, algo habitual en momentos de crise económica como o actual, nos que o multilateralismo comercial perde peso en favor dos acordos bilaterais. Fronte a esta visión pesimista que se está impondo a nivel global, Arias quixo tamén deixar unha porta aberta á esperanza, lembrando que “tamén no 2008-2009 había estas sensacións e, finalmente, non se cumpriron”, ao que engadiu que, “na actualidade, coa pandemia e o cambio climático, se fixo máis patente que nunca a necesidade de cooperación internacional”.

A inmersión directa no mercado xaponés chegou da man de Pedro Cordero, coordinador de proxectos de Jetro, a principal organización de comercio exterior de Xapón. Nunha exposición cun carácter moito máis positivo que a do catedrático vigués, Cordero describiu Xapón como un mercado “atractivo con moito futuro” para as empresas españolas, sobre todo para aquelas que queiran establecer unha relación frutífera e a longo prazo “pois se algo non gusta ao empresariado xaponés son os pelotazos”. En canto aos sectores con máis posibilidades de éxito, diferenciou entre os datos que ofrece nesta liña o goberno de Xapón e os que se extraen ao analizar os casos de start-ups xaponesas con maior éxito. Entre os primeiros, os sectores estratéxicos para lograr o cambio verde e dixital serían enerxía (eólica, hidróxeno, atómica...); transporte e manufacturación (automoción, agroalimentación, industria naval, aeronáutica...) e oficinas e vivendas, incluíndo aquí diferentes cuestións relacionadas cos estilos de vida. Polo que respecta ás starts-ups, mencionou eidos como intelixencia artificial, internet das cousas, enerxías renovables, novos materiais, saúde e robótica.

“Unha sociedade incriblemente especial e respectuosa”

Froito da experiencia de máis de vinte anos como alto directivo dunha multinacional xaponesa, Tomás Zumárraga, director xeral de Shacho Kai, asociación que engloba ás empresas en España cun mínimo do 10% de capital xaponés, achegou algúns consellos que deben terse en conta á hora de facer negocios con este país. “Antes de nada o que vos recomendaría é visitar este país, ver de preto a súa cultura, monumentos e, sobre todo, as súas persoas, pois ides descubrir unha sociedade incriblemente especial e respectuosa que nada ten que ver coa española, moito máis imbuída desa cultura do pelotazo, antes mencionada, e que eles tanto rexeitan”. A importancia da transparencia para xerar confianza, a capacidade demostrada para xerar melloras, as afirmacións sempre apoiadas en datos e cifras, o gusto pola puntualidade e por cumprir os horarios con rixidez, a necesidade de implicación nun proxecto de todas as partes que o conforman desde que nace ata que se pon en marcha... foron só algúns exemplos postos sobre a mesa por Zumárraga para lograr que as relacións cun empresario xaponés cheguen a bo porto.

O exemplo da firma galega de moda D-Due

O exemplo de éxito empresarial na relación España-Xapón chegou da man da empresa de moda galega D-Due, con sede en Rianxo. Rosario Froján e Alfredo Olmedo, socios-directores da firma, expuxeron a súa propia experiencia no trato co empresariado xaponés. “Os nosos clientes neste país son tremendamente respectuosos, moi coidados e cariñosos”, salientou Olmedo, quen, ao igual que Froján, puxo sobre a mesa toda unha serie de eloxios cara o mundo nipón. “Teñen unha sensibilidade moi propia, moita personalidade e moitísimos valores que están moi por encima do diñeiro, independentemente de que sempre estean vixiantes coa evolución do mercado e as últimas innovacións”, recalcaron os empresarios.

Salir de la versión móvil