A Cátedra Feminismos 4.0 crea un Comité de Sabias para loitar por un futuro dixital en igualdade

Publicidad

Só un 25% das mulleres estudan carreiras STEM, representando o 25,5% do alumando das enxeñarías, o 12% en Informática, o 8% en Enxeñaría de Telecomunicación ou 11% en Física. Esta infrarrepresentación pode xerar unha enorme fenda económica e salarial nun futuro no que se agarda que o 90% dos traballos vai a pertencer a estes ámbitos. Precisamente para identificar estes retos da sociedade dixital e propoñer accións de cambio, este mércores presentouse en sociedade o Comité de Sabias da Cátedra Feminismos 4.0 Depo-UVigo. Trátase dunha equipa formada por 14 mulleres referentes nos seus respectivos ámbitos profesionais, dende enxeñeiras de telecomunicación, mecánica ou informática ata expertas en física e intelixencia artificial ou filósofas, matemáticas ou filólogas. Representan así “unha mostra da presenza feminina nas carreiras STEM, con consolidadas traxectorias e autoridades nas súas materias”. Sumando a súa experiencia e coñecemento deseñarán accións que impulsen “unha maior visibilidade e participación das mulleres na ciencia e na tecnoloxía”.

Froito desta primeira xuntanza, celebrada en formato virtual, presentouse a declaración fundacional do comité, un documento no que se plasman os principais obxectivos e eixes de actuación, entre os que destacan a concreción de accións que transformen os espazos dixitais para que favorezan o acceso das mulleres. O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, deulles a benvida e agradeceu a colaboración da Deputación de Pontevedra nesta iniciativa da que “seguro de que van saír cousas boas que clarexen cal é o camiño que temos que seguir para acadar a igualdade real”. Remarcou tamén que para a Universidad de Vigo a loita pola igualdade “é un tema prioritario, que está recollido no noso Plan Estratéxico e que vai marcar o devir da institución”.

Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, salientou que “hoxe iniciamos un proxecto moi relevante e temos que estarvos moi agradecidas a todas, que quixestes formarte parte del”. Silva fixo fincapé na importancia de que “a sociedade dixital non caia nos mesmos erros nos que caeu a analóxica” e que a tecnoloxía e a dixitalización non repliquen os “nesgos do sistema patriarcal”. Neste sentido, animou a todas a ser ambiciosas e ocupar os espazos que lles corresponde ás mulleres por seren a metade da poboación e a facelo “con orgullo e forza”. Neste sentido, reivindicou todas as achegas que as mulleres fixeron ao longo da historia, achegas non recoñecidas nin valoradas. Por isto, a creación deste comité é unha “boa noticia para o conxunto da sociedade” e del sairán “ideas que se van converter en propostas para cambiar a contorna”.

Dous retos fundamentais

O Comité de Sabias da Cátedra de Feminismos 4.0, como se recolle no documento inicial presentado hoxe, ten dous obxectivos “urxentes”. O primeiro deles é identificar os retos da sociedade dixital para que as mulleres accedan a ela en condicións dignas e igualitarias. O segundo pasa por definir as accións que deben impulsarse para conseguir a igualdade real e efectiva de mulleres e homes no universo dixital. Como recollen no manifesto, “as mulleres non podemos quedar atrás no futuro que se está construíndo. Temos que incorporarnos como creadoras de contidos dixitais e desenvolvedoras de tecnoloxía; e reverter deste xeito os nesgos de xénero na intelixencia artificial, na robótica, no big data, así como nas empresas emerxentes do eido tecnolóxico e científico”.

Propostas en múltiples tareas

Durante o encontro, as sabias achegaron propostas para definir as liñas estratéxicas deste grupo de traballo, coas que se procura unha representatividade equilibrada en todos os niveis da dirección, creación, e desenvolvemento das tecnoloxías. As expertas coincidiron en que cómpre acadar “un liderado colaborativo” e unha participación real na toma de decisións estratéxicas para a configuración da sociedade, na que a tecnoloxía desenvolve un papel fundamental.

Son diversas as áreas nas que consideran que se deben concentrar importantes esforzos, que van desde o eido da formación e a investigación ata os sectores da intelixencia artificial, os videoxogos e as redes sociais. Precisamente nesta última contorna denunciaron que as mulleres aínda non poden interactuar dunha forma libre e segura, debido á cantidade de insultos e discriminacións que sofren, como xa puxo de manifesto un estudo publicado recentemente pola Cátedra de Feminismos 4.0, que tivo ampla repercusión mediática.

Dar continuidade "á rica xenealoxía feminista galega”

Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade da UVigo explica que este Comité de Sabias creouse como un xeito de dar continuidade "á rica xenealoxía feminista galega e aos salóns literarios onde intelectuais e feministas da época como María Vinyals, Emilia Pardo Bazán, María Barbeito, Juana de Vega e moitas outras, se reunían para conversar, realizar lecturas públicas e intercambiar ideas filosóficas progresistas en defensa das mulleres, e loitar polos seus dereitos”. Engade que coa creación deste comité tamén se trata de “renderlle homenaxe ás sabias populares, mulleres bravas que constitúen un referente de valentía e inconformismo como Pepa A Loba, María Pita, Ernestina Otero e tantas outras que en cada casa, de xeito invisible e silandeiro, pero non menos importante, abriron camiños para as xeracións futuras".

As 14 integrantes do Comité de Sabias

Forman parte do Comité de Sabias as seguintes expertas: Ana Jesús López, profesora na área de enxeñaría mecánica na UDC e membro do Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser; Ana Vila, profesora da Universidade de Sydney, socia fundadora e presidenta da asociación internacional Women in Costal Geosciencie & Engineering; Amparo Alonso, catedrática de Intelixencia Artificial e unha das maiores expertas nesta; Coral del Río, catedrática de Economía Aplicada na UVigo e experta en economía feminista; Dhaunae de Vir, especialista en e-sports e embaixadora das asociacións WomenTech Network e Women in Games; Edita de Lorenzo, profesora da EE de Telecomunicación na UVigo, na que se converteu na primeira muller en dirixir unha escola de enxeñaría en Galicia; Encina Calvo, profesora de física na USC e divulgadora científica no eido das STEM; Mª Luz Castro, socia fundadora da empresa galega imaxin|software, deseñadora de videoxogos, divulgadora e docente; Mari Lires, profesora de Didáctica das Ciencias Experimentais da UVigo, pioneira e experta en Estudos de Ciencia, Tecnoloxía, Xénero e Educación; Mª José R. Malmierca, responsable da Área de E-learning e Colaboración do Cesga; Marta Macho, matemática e divulgadora científica, editora da web Mujeres con Ciencia e profesora de Xeometría e Topoloxía na Universidade do País Vasco; Purificación Mayobre, profesora xubilada de Filosofía na Universidade de Vigo cun destacado percorrido como militante feminista; Soledad Torres, enxeñeira de Telecomunicación especializada en Tratamento Dixital de Sinais na EE de Telecomunicación da UVigo e Susana Martínez-Conde, científica neuronal, catedrática de Oftalmoloxía, Neuroloxía, Fisioloxía e Farmacoloxía e directora do Laboratorio de Neurociencia Integrada na Universidade do Estado de Nova York (SUNY).

Salir de la versión móvil