A catedrática da UVigo, África González, Premio Woman CEO na categoría de muller e ciencia

Publicidad

Decembro foi un bo mes para a catedrática de Inmunoloxía África González. Despois de obter o pasado día 11 o Premio Executivas 2020, a docente recolleu esta semana de xeito virtual un novo galardón, neste caso o Women CEO, na categoría de muller e ciencia, un recoñecemento que busca pór en valor o traballo das mulleres nun terreo no que non adoita estar recoñecido, a ciencia, polo que para González “é un orgullo visibilizar a dedicación das mulleres na investigación científica”.

A organización Women CEO, fundada en 2011, acolle a empresarias e profesionais de ámbitos moi diversos co obxectivo de crear unha rede de colaboracións e poñer en valor ás mulleres en postos de dirección ou que son referentes no seu eido, como é o caso da inmunóloga do Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía da Universidade de Vigo.

Por investigar, emprender e divulgar

Na carreira profesional de González sobresaen numerosos fitos. Ademais dos seus vínculos coa Sociedade Española de Inmunoloxía e o Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo, Cinbio, espazo no que lidera un grupo que desenvolve múltiples proxectos sobre inmunoloxía, desde o ano 2019 é académica correspondente da Real Academia de Farmacia de Galicia. Así mesmo, a catedrática e creadora da empresa NanoInmunoTech foi galardoada en 2018 nos Premios Mujer Científica e foi finalista nos Women Innovator 2017 da Comisión Europea.

Sobre os motivos do premio Women CEO, África González cre que, ademais das súas facetas como investigadora, docente e co-promotora dunha empresa, o xurado valorou “a paixón que pon en todo o que fai, sobre todo no momento da pandemia, na que tentou explicar de xeito divulgativo á sociedade o importante que é a inmunoloxía”. Debido á pandemia da covid-19, moitos medios de comunicación e plataformas diversas centraron os seus esforzos en ofrecer explicacións, predicións e reflexións obxectivas sobre esta nova enfermidade, polo que o ano 2020 redescubriu a necesidade da divulgación científica, un eido no que esta catedrática leva anos ‘exercendo’. Como ela mesma explica, goza ensinando na Universidade e realizando actividades divulgativas en colexios e institutos e, durante a súa etapa como directora do Cinbio, puxo moito empeño en organizar múltiples obradoiros pensados especificamente para o público infantil e xuvenil.

Coa pandemia, afirma González, “a sociedade está moi interesada e precisa entender o que está ocorrendo, polo que é unha obriga intentar resolver dúbidas sobre moitos conceptos relacionados coa Inmunoloxía: como nos defendemos, inmunoterapias, test diagnósticos e vacinas”. Nesta liña insiste en, “nunca houbera esta necesidade de coñecer esta disciplina apaixonante” e, neste sentido, a súa experiencia “está a ser moi gratificante”.

Necesidade de referencias femininas para as mozas

A catedrática valora positivamente a realización de iniciativas que resaltan a presenza feminina nas ciencias, non só polas premiadas, senón pola súa influencia nas nenas e mozas, que poden atopar estimulante o traballo científico. Na súa actividade como directora do Cinbio, ata outubro de 2019, procurou levar a cabo proxectos que demostrasen que mulleres e homes teñen as mesmas capacidades para emprender unha carreira científica e, neste senso, a consecución de recoñecementos axuda a que as mozas conten con referentes femininos.

González asegura que “en España hai mulleres con enorme talento que desenvolven o seu labor, pero en moitas ocasións fano de forma calada”. Para a inmunóloga, as mulleres novas precisan referentes e “estes premios axudan a poñer cara ás mulleres científicas, outorgándolles visibilidade, proximidade e realidade”. Desde a súa experiencia, a docente anima ás mozas a seguir o seu camiño e recorda que “a investigación científica require moito esforzo e dedicación, pero pode ser apaixonante”.

Salir de la versión móvil