Cada mércores deste mes de marzo a Facultade de Química ten unha cita coas mulleres científicas. Esta iniciativa, impulsada polo centro en colaboración coa delegación de alumnado e co apoio do Consello Social arrancou esta semana da man da divulgadora Déborah García Bello. A vicerreitora de Estudantes, Captación de Alumnado e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, foi a encargada de inaugurar esta proposta do centro para visibilizar o papel da muller na ciencia, potenciar os referentes femininos e fomentar as vocacións en carreiras STEM. Destacaba a vicerreitora que, “sobre todo nestes días semella que se fan moitas cousas a prol da igualdade dende moitos colectivos, pero a realidade é que non son suficientes; todos os días vemos noticias nos medios sobre violencia de xénero, prostitución, fenda salarial, teitos de cristal, falta de conciliación familiar, etc. e son realidades que seguen existindo”. Caparrini, que dende a súa vicerreitoría impulsa varios proxectos para o fomento de vocacións científicas e tecnolóxicas entre as nenas, como os programas InspiraSteam ou StemBach, fixo fincapé na escasa presenza de mulleres en titulacións técnicas, que nalgúns casos non chegan nin ao 12%. “O problema é que esta é unha tendencia que non retrocede”, indicaba a vicerreitora, “senón que a fenda segue acrecentándose”. Por isto destacou a importancia de poñer en marcha iniciativas como este ciclo de conferencias, “porque aínda que semelle un tema sobreentendido, temos que loitar por visibilizar o papel da muller nos ámbitos científicos e tecnolóxicos” e un xeito de facelo é achegándolle aos nenos e nenas referentes “como as poñentes destes relatorios, mulleres de carne e óso”.
Pola súa banda, a decana do centro, Ángeles Peña, tamén fixo fincapé na necesidade de transmitir a nenos e nenas que “hai mulleres de verdade que fan ciencia e tecnoloxía e que homes e mulleres teñen as mesas capacidades e as mesmas posibilidades”. Peña agradeceu a implicación da Delegación do Alumnado e ao Consello Social para facer posible esta actividade. Os relatorios terán lugar cada mércores ás 15.00 horas no salón de actos do edificio de Ciencias Experimentais e tamén poden seguirse en directo a través da canle 2 de UVigoTv. As próximas citas serán o 16 de marzo con Julia Serra, catedrática do Departamento de Física Aplica e investigadora do Cintecx que explicará o traballo que desenvolve no grupo de Novos Materiais. O día 23 a convidada será Pamela Cabarcos, investigadora no Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro da USC e pechará o ciclo, o día 30 de marzo, Xanel Vecino, investigadora no Departamento de Enxeñería Química da Universidade de Vigo, onde traballa no aproveitamento integral de residuos agroindustriais así como no desenvolvemento de procesos de tecnoloxía de membranas e de adsorción para o tratamento, separación e recuperación de recursos de valor engadido.
Non fomentar a presenza de homes nas titulacións sanitarias tamén é machismo
A encargada de abrir este ciclo foi Déborah García Bello, química de formación, divulgadora científica e colaboradora en programas como Órbita Laika ou Más vale tarde. Tamén imparte docencia en varios mestrado e, en 2019, a revista Forbes incluíuna entre as persoas máis importantes no eido da divulgación científica. Na súa intervención, titulada Barbies e robots, debullou e rebateu algunhas das ideas máis estendidas sobre a muller e a ciencia, “que se repiten unha e outra vez sen reflexión, sen acudir ao dato”.
A primeira crenza que García Bello derrubou na súa intervención é a de que as mulleres non fan ciencia. “Insistimos en que son necesarias máis mulleres no eido da ciencia, que as nenas non estudan carreiras científicas, pero os datos din outra cousa”, recalcaba, xa que segundo o Ministerio de Universidades, as mulleres matriculadas en carreiras STEM son maioría. “Se imos titulación por titulación, aparecen as desviación”, puntualizada, xa que por exemplo, en física ou matemáticas, os homes son unha “abrumadora maioría”, chegando ao 80% en informática. Pola contra, en veterinaria, medicina, farmacia ou enfermaría hai un claro predominio feminino, por riba do 70%, e tamén son maioría en química ou bioloxía. “Entón”, pregúntase García Bello, “a conto de que vén iso de que as mulleres non estudan ciencia?” Ademais, destaca a divulgadora, isto non foi sempre así, e titulacións como medicina ou farmacia eran carreiras acaparadas por homes e pregúntase “por que non contamos o feito de terlle dado a volta como unha conquista? Por que non celebramos que agora somos maioría nesas titulacións? Estamos transmitindo a mensaxe de que esta elección é algo negativo, que son titulacións relacionadas co coidado, pero dende cando coidar é algo negativo ou con pouco valor?” En resumo, recalca García Bello, “semella que cando algo se volve feminino perde valor, pero temos que estar orgullos pola situación que temos nalgunhas carreiras”. Ademais, insiste en traballar en ambos sentidos, “porque non serve de nada espertar vocacións científicas nas nenas para que se decanten por máis física, matemáticas ou enxeñarías, se non facemos o mesmo cos mozos para que se decanten por medicina, farmacia, etc. Non facelo así e “seguir facendo machismo” e, lonxe de axudar, “estamos potenciando certos estereotipos que se traducen en que o feminino vale menos”.
Garcia Bello tamén abordou outros prexuízos estendidos, como por exemplo, que as nenas dende os seis anos se cren menos brillantes cos nenos. Existe un estudo publicado en Science, explicaba a divulgadora, “que conclúe que as nenas a partir desa idade teñen un concepto máis obxectivo de si mesmas e da súas calidades, mentres que os nenos sobrevaloran as súas capacidades”. Pero cando esta información se trasladou á cidadanía a través dos medios de comunicación fíxose fincapé nunha suposta falta de confianza das nenas, o que supoñía un freo á hora de elixir determinadas carreiras no futuro. Isto, segundo a experta, “vén a demostrar que o machismo segue instaurado na cabeza de todos, facendo que interpretemos ao revés estudos coma este, deixándonos levar polos prexuízos”.