No pasado mes de outubro, a Unidade de Igualdade levou a cabo unha enquisa para coñecer as necesidades formativas e atender de forma eficaz e estreita os intereses do alumnado da Universidade de Vigo en materia de igualdade e feminismo. Para darlle resposta a algunhas desas demandas, apostaron por crear un Club de Lectura que, dun xeito lúdico, contribúa a realizar unha aprendizaxe crítica e significativa.
O club, que estará en funcionamento ata o mes de xuño, propón un libro cada mes. Deste xeito, as e os participantes disporán de tres semanas de lectura autónoma, para logo darse cita nunha sesión de debate na cuarta semana, que se realizará os venres de 16:30 h a 17:30 h nunha sala da Biblioteca Central do campus de Vigo. A elección dos libros “responde ás suxestións que nos achegou o alumnado e intenta equilibrar de maneira alterna as lecturas de ficción e de non ficción”, como explican dende a Unidade de Igualdade.
De Margaret Atwood a Virginia Woolf
As cinco obras propostas para esta primeira edición son El cuento de la criada (1985) de Margaret Atwood; Siempre han hablado por nosotras (2019) de Najat el Hachmi; Orlando (1928) de Virginia Woolf; La creación del patriarcado (1990) de Gerda Lerner (extractos seleccionados) e Sula (1973) de Toni Morrison. As sesións presenciais para debater e achegar perspectivas sobre estes libros serán, respectivamente, o 11 de febreiro, o 11 de marzo, o 8 de abril, o 6 de maio e, a derradeira deste curso, o 3 de xuño. A estas xuntanzas, que se celebran tras as tres semanas de lectura individual de cada obra, pode asistirse de xeito presencial ou virtual, a través do Campus Remoto.
Con anterioridade enviarase o número de copias dispoñibles, en diferentes idiomas, nas bibliotecas universitarias e en bibliotecas públicas ás persoas participantes. Dende a Unidade de Igualdade explican que aínda que a actividade “se pensou nun principio para o alumnado, está aberta para todas as persoas interesadas, tanto PDI e PAS coma persoas alleas á Universidade de Vigo”, que se poden inscribir a través do formulario en Google Forms. Poden anotarse a todas ou só ás sesións que máis lle interesen e existe sempre a posibilidade de modificar a escola en calquera momento se así o necesitan, “tendo en consideración o contexto de pandemia no que nos atopamos”.
Un club que pon en valor a figura de Rosario de Acuña
Coa creación deste club de lectura dende a Unidade de Igualdade tamén se pretende recuperar a figura de Rosario de Acuña. De feito, esta actividade levará o nome como “un xeito de reivindicar as súas accións revolucionarias e vangardistas coma feminista, sufraxista, xornalistas, escritora e poeta dende a segunda metade do século XIX ata o primeiro terzo do século XX”. Esta decisión, puntualizan dende a unidade, tomouse en base á explicación incluída no libro O Contradiscurso das Mulleres: Historia do Feminismo (1995) de Carmen Blanco, no que se refire ao carácter “rupturista” que tiveron as «viaxes acción» “que levaron ás mulleres a unha saída dos medios e das funcións que as definían”. Entre elas refírese á “excursión de cinco meses por Asturias e Galicia que realizara a cabalo a librepensadora Rosario de Acuña para coñecer a situación real destas terras e que lle valeu a detención por parte das autoridades baixo a acusación de conspiración”, resume Blanco.