Dentro das actividades previstas para este 25N, un grupo de mulleres das Neves, incluídas as usuarias do Centro de Día, leva días tecendo mostras de ganchillo para participar na iniciativa da concellería de Servizos Sociais "Ganchillo Solidario contra a Violencia de Xénero”.
Estas mostras uniranse este martes e o mércores, no baixo do edificio de Servizos Sociais. O lenzo final construído colocarase o venres diante deste edificio como acto de conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, e estará exposta máis dunha semana.
Formación en igualdade para alumnado do IES
Coma parte do proxecto de intervención socio-educativa para fomento da igualdade entre o alumnado dos centros educativos das Neves, promovida pola concellería de Servizos Sociais, este martes tivo lugar no Auditorio Municipal unha charla dirixida ao alumnado do IES Pazo da Mercé.
A charla participativa estivo impartida por unha sexóloga que desde unha perspectiva de xénero, falou sobre relacións afectivas e sexualidade tentando desmontar falsos mitos e crenzas con respecto a estes temas. Empregando vídeos e dinámicas que se alternaron coa exposición de contidos, lanzando cuestións para favorecer a reflexión, promeveu que o alumnado expresase as súas dúbidas e opinións, así como se cuestionase conceptos ancorados no seu "eu" máis profundo.