As pioneiras nas aulas universitarias reciben a homenaxe da UVigo no 8M

Publicidad

Ángela González Garrido foi a protagonista en 1965 dun fito na historia da Escola Técnica de Peritos Industriais: ser a primeira muller graduada polo centro, creado en Vigo en 1901. Transcorridos case 57 anos, Ángela González Garrido recibiu hoxe o recoñecemento da UVigo no acto institucional de celebración do 8M, no que se lle outorgou o décimo Premio do compromiso coa igualdade de xénero da Universidade de Vigo, Uviguala 2022. Un galardón e un recoñecemento que, non obstante, vai máis aló da primeira graduada pola Escola Técnica de Peritos Industriais, xa que con el a UVigo rende hoxe homenaxe a todas as pioneiras universitarias que como Mª del Carmen Sábada e Capablanca, Pilar Palomar Traver, Rosario Torvieso Monge ou Dolores Lorenzo Salgado se formaron na Escola de Peritos, ou que como Josefa Costas González, Pilar Mosquera, Soledad Pelayo ou Ángeles Cabello, convertéronse, a partir do ano 1926, nas primeiras graduadas pola Escola Pericial de Comercio.

Todas estas pioneiras nas aulas universitarias, ás que a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, lembrou na súa intervención no acto celebrado este mediodía no edificio Redeiras, tomaron a remuda de Concepción Arenal, Manuela Barreiro Picos, Emilia Pardo Bazán ou Ernestina Otero e abriron o camiño a miles de mulleres que a día de hoxe conforman o 55% do total do alumnado universitario en Galicia. No caso de Ángela González, o reitor da UVigo, Manuel Reigosa referiuse a ela como “unha pioneira na que nos apoiamos para desenvolver unha sociedade máis xusta e polo tanto igualitaria e que nos fai que sexamos optimistas, e aínda que a historia ten dentes de serra, polo menos si podemos aspirar a que haxa unha tendencia cara á igualdade”, dixo Reigosa, para quen “a conquista máis importante por parte da humanidade é a conquista da igualdade”.

Pola súa banda, a directora da Unidade de Igualdade foi a encargada de dar lectura á acta da comisión que por unanimidade acordou conceder o Premio Uviguala 2022 a Ángela González, que por problemas de saúde non puido recoller o galardón, sendo a súa filla Ángela Rey a encarga da recibir o premio. Águeda Gómez destacou da resolución da Comisión de Igualdade considerar a Ángela González como un “exemplo da historia vida en relación coa chegada das mulleres á universidade, ademais dun exemplo paradigmático de tesón e tenacidade como única muller da súa promoción”. Asi mesmo, a directora da Unidade de Igualdade tamén destacou que a homenaxeada “representaba o espírito característico de solidariedade e igualitario, notorio aínda hoxe, entre o alumnado da titulación de Enxeñaría Industrial, sendo un exemplo dun espazo de igualdade na nosa universidade”, sinalou Águeda Gómez.

Educada e educadora na igualdade

Ángela Rey foi a encargada en representación da súa nai e dos seus irmáns de lembrar a traxectoria vital e profesional de Ángela González, a quen “os seus país desde pequena inculcáronlle un ideal de igualdade e que as ciencias e a enxeñaría podían ser algo propio dela porque así lle gustaba e a iso se quería dedicar”, dixo Ángela, que asegurou que para a súa nai os mellores anos da súa vida foron os que pasou na Escola, “onde sempre se sentiu moi arroupada e protexida polos compañeiros”.

Como unha muller forte, temperamental e firme de carácter e que sempre intentou axudar a quen o necesitaba, definiu Ángela Rey a súa nai. “As matemáticas sempre foron para ela moi interesantes, gustáballe resolver problemas e todo o que tiña que ver coa enxeñaría e como arranxar cousas”, explicou a filla da homenaxeada, que lembrou que, ao igual que a súa nai foi educada na igualdade e na liberdade, ela fixo o mesmo cos seus fillos. “Rendemos homenaxe a unha muller que sempre foi firme nas súa conviccións , moi decidida a defender a súa dignidade e a de todas. Esta é unha homenaxe a todas as mulleres que perseveran nos seus ideais e sonos”, dixo Ángela Rey.

Dispensadores de produtos de hixiene feminina

Mañá cumprirase un ano desde que a UVigo se convertía na primeira universidade española na que as mulleres podían acceder gratuitamente a produtos de hixiene feminina, unha medida coa que institución académica viguesa quería loitar contra a pobreza menstrual, seguindo a estela de países como Escocia e á que posteriormente se sumaron outros como Nova Zelandia e Francia. E xusto o día antes de que se cumpra un ano dese fito, hoxe presentáronse os dispensadores que a partir do mes de abril se instalarán nos 23 centros dos tres campus da UVigo e nos que as mulleres poderán acceder de xeito gratuíto, cando os precisen, a compresas e tampóns.

Os dispensadores foron deseñados e desenvolvidos pola empresa Dismac, e funcionan mediante a lectura dos códigos de barras da tarxeta universitaria na que asignará unha cantidade determinada de produtos de hixiene feminina a cada persoa. “As máquinas expenderán caixas con tres tampóns ou tres compresas, segundo a elección das mulleres”, explicou Antonio Iglesias, responsable de Dismac. Pola súa banda, o reitor lembrou que ata o de agora a entrega dos produtos de hixiene feminina se realizaba nas delegacións de alumnado, sen que se rexistrase ningún tipo de abuso ou retirada excesiva de produtos.

Mentres, a directora da Unidade de Igualdade destacou que coa instalación dos dispensadores, a UVigo dá continuidade a acción que emprendera hai un ano e coa que “se atenden as necesidades da metade da poboación, axudando así a combater a pobreza menstrual”, destacou Águeda Gómez, que sinalou que ata 6000 euros pode gastar unha muller ao longo da súa en produtos de hixiene íntima, que no caso de España, están ademais gravados cun 10% de IVE, e non cun 4%, que se aplica aos bens considerados de primeira necesidade.

Salir de la versión móvil