'Conquistadoras' chega a Chapela para permanecer, no paseo marítimo, ata finais abril

Publicidad

A exposición 'Conquistadoras', que durante todo o pasado mes de marzo estivo instalada na Alameda Castelao, chegou hoxe a Chapela para permanecer no Paseo Marítimo ata finais deste mes de abril.

'Conquistadoras' amosa a historia do esforzo de moitas mulleres que, dende o seus ámbitos de vida persoais e profesionais, foron quen de 'conquistar' o dereito a ser elas sen necesidade de pedir o permiso deles. “Durante séculos –afirma a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas– considerouse que a muller non podía acadar os mesmos éxitos ca os homes, ou que simplemente non tiña capacidade da-bondo para igualalos. Todos estes prexuízos, que tristemente aínda se manteñen na sociedade contemporánea, foron pouco a pouco desterrados co exemplo destas mulleres que hoxe prota-gonizan 'Conquistadoras'”.

A intención da exposición é, polo tanto, achegar á veciñanza de Redondela un anaco da historia de Galicia e sobre todo “destas mulleres capaces de sobrepoñerse a todo tipo de adversidades para demostrar o que non debera precisar de xustificiación: calquera muller pode realizar os mesmo traballos ca un home”.

Nun percorrido por 'Conquistadoras' atopámonos con rostros e semblanzas biográficas de María Pita ou de María Castaña, dúas mulleres que na época medieval enfrontáronse con armas na man aos abusos do invasor inglés e da Igrexa, respectivamente. “Elas lideraron revoltas sociais marcando un camiño, exercendo un liderado nun tempo en que a muller só era recoñecida coma "ama de casa". Non foi así. A muller traballou na casa e fóra da casa, axudou e colaborou en múltiples loitas, coma calquera persoa sexa do sexo que sexa”, aclarou Digna Rivas.

Por outra parte, nesta visita de rostros femininos, veciñas e veciños atoparán nomes de mulleres capaces de ser símbolos da cultura, coma Rosalía de Castro ou Emilia Pardo Bazán; mulleres que abriron o camiño para o acceso á universidade, coma Olimpia Valencia; mulleres conectadas co máis selecto da cultura mundial do seu tempo, coma Maruxa Mallo; pintoras, pianistas, xornalistas... De feito Galicia é berce de mulleres pioneiras en distintos eidos e moitas delas sendo as primeiras de todo o Estado español en chegar a ocupar eses postos, “como sucede con María Luz Morales, a primeira muller en ser directora dun periódico de grande alcance (La Vanguardia); ou Irene González, quen foi a primeira porteira de fútbol nun equipo de homes”.

A resposta a esta loita das mulleres foi en moitos casos “o machismo e a persecución. Non debemos esquecer, porque é a mellor maneira de sabelo valorar, que moitas destas mulleres foron vítimas de represión” subliñou a alcaldesa de Redondela ao que engadiu que “por iso quixemos incluír mulleres que colaboraron na loita democrática contra o franquismo, coma María Araújo, ou na resistencia contra os nazis, coma Placeres Castellanos. Mulleres coma Pepa Noia, cofundadora da Madres de la Plaza de Mayo, que tanto fixeron por esclarecer a verdade da ditadura en Arxentina, ou a editora María Miramontes na importantísima editorial Nós, quen se exiliou en América tras o asasinato do seu compañeiro Ánxel Casal. Houbo mulleres de orixe galega que saíron ao exilio e alí atoparon o seu camiño. Un caso único foi María Casares, unha das actrices centrais do teatro francés no século XX”, apuntou Digna Rivas.

Nesa loita, lembrou a rexedora local, “as mulleres de Redondela tamén estiveron presentes por iso nesta mostra hai rostros de veciñas nosas como Paulina Sánchez, Ernestina Otero, Rita Regojo, Rita Otero... e tamén mulleres dos nosos días que triunfan nos seus ámbitos, coma Cristina Codesido (xerente dos vermús Petroni, que etiquetan todo en lingua galega acadando unha proxección internacional) ou a directora de cine, natural de Cesantes, Diana Toucedo”.

'Conquistadoras' permanecerá durante todo este mes de abril quedar instalada no paseo marítimo de Chapela para, en maio, quedar exposta en Cesantes. A partir de aí e con carácter itinerante, percorrerá todas e cada unha das parroquias de Redondela, ademais dos centros escolares.

Cúmprese deste xeito, un dos obxectivo que ten a Concellería de Igualdade que xestiona a alcaldesa Digna Rivas, que non é outro que “a loita pola igualdade, non quede cinguida a un so día, senón que sexa unha acción continuada ao longo de todo o ano porque é o único xeito de acadar unha sociedade xusta, igualitaria e decente”.

Salir de la versión móvil