Laura Villaverde estremece Redondela coa súa acción artística para denunciar a violencia machista

Publicidad

A Alameda de Redondela encheuse hoxe de emoción coa performance da artista Laura Villaverde, enmarcada no programa “Violencia Zero” da Deputación de Pontevedra. A actriz tudense estreou “Panos de Vinagre”, unha acción inspirada no valor do legado familiar intanxible. Coa lembranza da súa bisavoa Xenerosa como fío condutor, a artista fixo ao público partícipe dunha historia real de violencia e como as mulleres da súa familia utilizaban panos de vinagre para curar os negróns. En definitiva, unha historia tantas veces repetida, na que o patrimonio inmaterial interxeracional se convirte no mellor aliado contra a violencia machista e na que se chama a reflexionar sobre a súa importancia.

A presidenta provincial, Carmela Silva, xunto á alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e a deputada de igualdade, Victoria Alonso, seguiron a representación acompañadas de representantes da corporación local. Ademais, foron invitados a visualizar o acto por streaming todos os centros educativos do concello, os colectivos do sector social e os colectivos da muller que puideron seguilo en directo a través das canles en liña da Deputación e do Concello.

Laura Villaverde fixo protagonista, en “Panos de Vinagre”, ao corpo ferido da muller polas numerosas malleiras a mans dun home. A artista foi escaneando as partes do corpo maltratadas para logo empapar as follas escaneadas en vinagre e pegalas na súa pel deixando un intenso cheiro a vinagre na praza. A continuación, unha voz en off narrou como a sociedade vía os maltratos e as decisións que tomaban sobre eles tendo en conta a situación das mulleres e a lexislación vixente hai unhas décadas. A artista finalizou a súa intervención explicando que a expresión “ponlle panos de vinagre” forma parte do ben inmaterial da súa familia e fixo reflexionar ao público asegurando que “seguro que a túa familia tamén che deixou un ben inmaterial coma o meu, que tes pensado facer con el?”.

Na súa intervención, Carmela Silva puxo voz a todas as mulleres asasinadas polo machismo ao lembrar as “cifras intolerables” que se acadan ano tras ano. Hoxe, recalcou a presidenta, coñecemos un novo caso que eleva a oito as mulleres asasinadas no que vai de 2021, “dúas mulleres cada mes”, que se suman ás máis de mil asasinadas dende 2003. A presidenta lembrou que esta violencia comeza “moito antes”, cando “as adolescentes son controladas polos seus mozos ou cando imos pola rúa e temos que soportar que nos digan verdadeiras barbaridades”. Para Carmela Silva a violencia machista non son só “os golpes e os maltratos” senón tamén “as descualificacións e a invisibilización” que sofren moitas mulleres en todos os eidos. “Con esta acción, subliñou, Laura Villaverde chamou á reflexión e lembrounos que nós somos herdeiras de todas esas mulleres que sufriron tanto. Un sufrimento inxusto e intolerable fronte ao que ten que poñerse toda a sociedade”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, sentiu moi de preto esta acción “porque na miña familia tamén se viviron episodios de violencia machista”. A alcaldesa quixo desvelar como a súa bisavoa lle narraba “como moitas mulleres padecían esa violencia en silencio”, entre elas unha das súas fillas, que tivo que soportar que o seu marido a golpeara e incluso lle prendera lume á súa vivenda. Digna Rivas remarcou que ”sucedeu fai moitos anos pero, por desgraza, seguimos padecendo o mesmo”. Neste sentido, a alcaldesa subliñou que “as institucións temos esa débeda, ese compromiso, e temos que dar exemplo”, algo que a Deputación leva facendo “dende o primeiro día” e que a propia Rivas, que foi deputada, “seguimos a facer no municipio. Resaltou tamén a importancia de programas como “Mulleres en Acción. Violencia Zero”, que “fomenta o empoderamento das mulleres na cultura, algo que agora fai máis falla que nunca”.

Está é a décima acción da sexta edición de “Mulleres en Acción. Violencia Zero”. Para o que resta de 2021 contará con outras 15 actividades, entre as que haberá en diferentes concellos da provincia performances, intervencións murais, accións de danza contemporánea ou escénicas e música.

Salir de la versión móvil