O Concello de Moaña celebrará entre este vernes 6 de marzo e o mércores 18 a súa “Semana da Muller”, cinco días nos que se traballará na visibilización das mulleres ao longo da historia ou a dinamización cultural en feminino. Amais, entre os actos centrais estará o recoñecemento a profesora e activista social Elisa de la Peña, finada no 2018, como filla adoptiva de Moaña.
A primeira xornada, do venres 6, estará especialmente dedicada á rapazada durante a tarde. O Auditorio do Centro sociocultural Daniel Castelao acollerá dende as 18:00 horas o espectáculo de maxia “Igualdade, onde estás”, dentro do programa “Rechouchío pola igualdade”.
O sábado pola mañá celebararse un roteiro centrado na muller dentro do programa Descubre Moaña. Trátase de “Mulleres da historia de Moaña” e partirá da Estación Marítima ás 11:00 horas. Nesta visita guiada ponse en valor o papel da muller dentro do desenvolvemento da sociedade e a vila de Moaña. Historias que paga a pena coñecer sobre figuras importantes con nome propio como Lela Soage, Elisa de la Peña, Lola Diz ou Concepción Arenal, fortemente vencellada ao municipio, que se mesturarán con alusións a colectivos máis anónimos como as peixeiras, as mariscadoras ou as carreiras.
Na tarde, chegará un dos momentos máis emotivos co recoñecemento a Elisa de la Peña como filla adoptiva do municipio. O acto, que se celebrará dende as 18:00 horas no salón de plenos do Concello, cumpre co aprobado en novembro polo BNG, PSOE e PP e a solicitude feita por diferentes colectivos , como a Asociación de Mulleres da que De la Peña formou parte. Finada en 2018, será a primeira muller en ser recoñecida como filla adoptiva de Moaña.
O domingo estará dividido entre a parte reivindicativa, coa concentración do 8M ás 12:00 na praza do Concello e a lúdica, coa “Festa da Muller” que arrancará ás 18:00 horas no Local da Asociación de Mulleres de Moaña con teatro, música, pinchos e baile.
Pecharán os actos a charla-coloquio “Inmigración, perspectiva de muller” a cargo de Vera Santomé Juncal e María Camila Beltrán o venres 13 no Local da Asociación de Mulleres de Moaña e a presentación do libro “Mulleres senlleiras que residiron en Moaña” da man de Iria Collazo e Manuel Uxío García o mércores 18 no salón de plenos.