A Deputación continúa a espallar o programa “Mulleres en acción. Violencia Zero”, sementando igualdade e loitando contra as violencias machistas a través da arte por toda a provincia. Nesta ocasión detívose en Nigrán coa acción titulada “Flamma (Maltratos nos procesos das (non)maternidades)”, protagonizada polas artistas Neves Seara e Elsa Pereira. A performance, que tivo lugar no CPI Arquitecto Palacios de Panxón, concentrou a un nutrido grupo de alumnas e alumnos do centro educativo que acompañaron á deputada de Igualdade, Victoria Alonso, e ao alcalde Juan Gonzalez.
“Mulleres en Acción. Violencia Zero” está a recuperar nesta edición a precursoras do programa, artistas que nestes anos fixeron emerxer e crecer esta iniciativa da Deputación, xerando alianzas entre elas ou con novas colaboradoras, ideando xuntas pezas inéditas. En Nigrán, Neves Seara e Elsa Pereira, traballaron para realizar conxuntamente a peza performativa “Flamma (Maltratos nos procesos das (non) maternidades)”, que busca poñer o foco nas violencias machistas que sofren os corpos das mulleres, que incluso nos seus procesos máis íntimos son xulgados, maltratados e agredidos. A acción consistiu nunha conxugación de actuación en vivo que emulou a parte corpórea, visceral e sensitiva violentada polos tratos xinecolóxicos e procesos de (non)maternidade; e a danza, que representou a parte emocional e o subconsciente.
A través da actuación en vivo e da danza, dando prioridade ao movemento fronte ás palabras, as dúas artistas representaron o diálogo interno que experimenta unha mesma muller, sen nome, cando ten que pasar por algún tipo de proceso desas características. As verbas foron poucas e puntuais, nunha actuación que representaba a dor máis visceral das mulleres. De feito o vestiario, confeccionado pola propia Neves Seara exclusivamente para a performance, pretendía representar a pel e a alma das personaxes. Para o seu deseño inspirouse na obra de Loise Bourgeois e nos kimonos xaponeses.
A Deputación de Pontevedra está a desenvolver neste 2023 a oitava edición do programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero”, cuxo lema é “Artistas Aliadas. Mulleres Aliadas” coa igualdade e coa cultura como arma a prol dunha sociedade máis xusta contra as violencias machistas. Con “Flamma”, a acción que vén de ser desenvolvida esta mañá, este programa da institución provincial pasou xa por Pontevedra, Vigo, Barro, As Neves, Cangas, A Cañiza, O Grove e Nigrán, e continuará polos concellos de Gondomar, Mos, Oia, Baiona, O Rosal, Cambados, Marín, Tui, Poio, A Lama, Silleda, Vilagarcía, Caldas, Forcarei e Ribadumia.