O calendario de 2022 de O Rosal rende homenaxe ás mulleres traballadoras

Publicidad

O calendario de 2022 de O Rosal terá como protagonistas ás mulleres traballadoras do concello. A iniciativa, posta en marcha polo consello de Igualdade municipal, ten como obxetivo principal por en valor o traballo das rosaleiras na historia e tamén na actualidade. A estructura do calendario será que en cada mes figurará unha gran fotografía que representa a unha muller ou a un grupo de mulleres de O Rosal.

O mes de xaneiro está adicado ás argaceiras; febreiro ás mestras; marzo ás matronas cunha fotografía de Xulia Suárez, rosaleira que reivindicou os dereitos das mulleres durante e despois do franquismo; abril ás condutoras de autobús coa mención á Silvia, a primeira muller condutora de autobús do Baixo Miño; maio ás costureiras; xuño ás traballadoras da terra; agosto ás que traballan con maquinaria no agra; setembro ás percebeiras; outubro ás tendeiras, con especial mención a Adela Álvarez, unha dinamizadora da colectividade dende un ámbito rural como a parroquia de Fornelos e autora de diversas pezas poéticas en galego; novembro ás artistas, representadas na figura Rufina Domínguez, actriz declamadora do Rosal que foi represaliada polo Franquismo, e decembro ás menciñeiras.

O calendario tamén inclúe información e definicións sobre igualdade, violencia de xénero e teléfonos de interese para mulleres que sufran violencia machista. "Queremos que o almanaque sexa un lugar para educarse en igualdade e que tamén informe ás mulleres, de xeito rápido e sinxelo, dos recursos que teñen da súa man en caso de sufrir violencia por parte das súas parellas", explican dende o concello de O Rosal. Ademáis, Anxela Fernández, alcaldesa, destaca que "con este calendario queremos homenaxear as nosas mulleres mentres educamos en igualdade", ao tempo que dá "os parabéns a Angelina Gándara, Rosa Maceiras, Noemí Baz, Moncho Leal e a Sara Vicente, persoas que integran a Comisión de Igualdade, polo seu gran traballo".

Os Reis Magos serán os encargados de repartir os calendarios no percorrido que realizarán o vindeiro día 5 de xaneiro por todos os barrios de O Rosal. Despois de ese día, todas as persoas que o desexen poden solicitar un exemplar de maneira totalmente gratuita no Concello.

 

Salir de la versión móvil