O Observatorio Stop Machitroles achega unha primeira radiografía do machismo dixital no sur de Galicia

Publicidad

A través dos datos e experiencias achegados por vítimas anónimas, o Observatorio Stop Machitroles elaborou unha radiografía da violencia machista dixital no sur de Galicia. Este mapa conforma o primeiro informe deste organismo, unha iniciativa impulsada pola Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra dentro da Cátedra Feminismos 4.0. O documento, presentado este xoves pola directora da Unidade de Igualdade da UVigo, Águeda Gómez, elaborouse a partir das achegas de mulleres anónimas que experimentaron violencia machista dixital e participaron neste estudo que arrancou en xuño de 2021.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, foi a encargada de inaugurar o acto, e quixo comezar agradecendo a colaboración da Universidade para facer realidade a Cátedra de Feminismos 4.0 e, en especial, o apoio do reitor, “porque é importante poñer en valor os homes feministas”. Manuel Reigosa respondeu a estas palabras da presidenta provincial recoñecen que este acto lle supoñía “un certo carrusel de emocións, porque ser considerado feminista é para min unha honra e un orgullo”. Pero ao mesmo tempo, o contexto que se reflicte no informe é, recoñecía, “preocupante”, con situacións que “atentan de xeito absolutamente descarnado contra a igualdade” e ataques fan que moitas mulleres “acaben aburridas e agochen a súa mensaxe”. O reitor da UVigo tamén se amosou “moi orgulloso do traballo da Unidade Igualade e de que a nosa institución teña elixido como un dos tres eixos de desenvolvemento futuro dentro do seu Plan Estratéxico por unanimidade o tema de igualdade”.

A necesidade de análises e estudos

Sobre o contexto no que nace este primeiro informe sobre violencia machista dixital en Galicia, Carmela Silva lembrou que “intuitivamente non temos ningunha dúbida de que os espazos tecnolóxicos e as redes sociais son lugares non seguros para as mulleres, sufrímolo todas, particularmente as que temos presencia pública”. Non obstante, recalcou, “o mundo non avanza se ao que intuímos non se lle achega a análise, o coñecemento, estudos que permitan situar con claridade cal é esta realidade”, e esa é a finalidade do Observatorio Stop Machitroles.

Neste sentido, a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, recalcou que tras máis dunha década uso masivo de redes sociais son escasos os datos sobre a prevalencia e as formas destas violencias en liña. Este estudo trata de “achegar algo de luz sobre o comportamento deste tipo de violencias” e realizar unha ciberetnografía da paisaxe dixital a partir das denuncias anónimas de usuarias de internet que recibiron algún tipo de agresión ou acoso machista neste espazo.

Este primeiro informe, recalca Silva, “sitúa con claridade cales son as situacións nas que as mulleres estamos inseguras no que xa é o medio de comunicación e interacción máis relevante que existe. Ter claro cales son as vías de ataque, vainos permitir estruturar respostas e empoderarnos tamén fronte ao machismo dixital”.

Tipos de violencia identificados

Partindo da información obtida, o informe identifica tres violencias diferentes: os ataques machistas individualizados, as violencias sexuais dixitais e a misoximia virtual organizada. Polo que respecta ao primeiro destes tipos de violencias, están dirixidos a mulleres só polo feito de ser mulleres. “Buscan desvalorizar, difamar e minar a reputación e os logros femininos e adoitan actuar contra xornalistas, políticas, artistas, deportistas ou académicas. Para isto empregan fórmulas moi diversas como o ciberacoso ou cyberbullying, mansplaining, crackeo de contas, acusacións falsas, suplantación de identidades ou utilización de programas espía para controlar os movementos en liña das mulleres”.

O segundo tipo correspóndese coas violencias sexuais dixitais, que “están destinadas a controlar os corpos, goce e sexualidade das mulleres, mediante distintas accións, como comentarios, acoso e insultos de carácter sexual e as ameazas de violación; pornovinganza e pornografía non consentida ou distribución de imaxes íntimas sen consentimento, captación en liña, rexistro e difusión de agresións sexuais a mulleres con fins de trata para a prostitución, sextorsión, grooming con menores e pornografía”. En moitos casos, as persoas que perpetran esas accións proceden do ámbito próximo da muller agredida, como exparellas, familiares, compañeiros de estudos ou de traballo, veciños ou clientes.

O terceiro tipo é a misoxinia virtual organizada, tamén coñecida polo termo machoesfera ou os anglosaxóns manhood e manosfera. Trátase dunha estratexia destinada a “facer hexemónico o discurso de odio misóxino e a violencia simbólica no espazo virtual e silenciar, invisibilizar e disciplinar as retóricas das mulleres feministas na paisaxe dixital, coa conivencia, dalgún xeito, das grandes empresas tecnolóxicas como Twitter, Youtube, Facebook, TikTok, Telegram, Twich ou Google e das institucións públicas”. A través dun patrón estrutural organizado e altamente sofisticado a nivel tecnolóxico, atacan sistematicamente servidores, sitios web e contidos, conseguen peche de contas e executan accións masivas contra discursos e perfís feministas.

Ataque de forocoches ao observatorio

A expansión deste tipo de violencias machistas é tal que mesmo chegou a fixar o obxectivo no propio Observatorio Stop Machitroles. Así, entre os días 24 e 25 de xuño de 2021, xusto coincidindo co lanzamento da recollida de información para elaborar este informe, tivo lugar un ataque masivo procedente do ecosistema da manoesfera nacional co fin de boicotear esta iniciativa da cátedra, concretamente dende o portal forocoches, unha web con preto de 900.000 perfís rexistrados e na que “nalgunhas discusións predominan ideas propias da extrema dereita, o fascismo e de desprezo palpable respecto ás mulleres e ao feminismo”. Neste ataque observouse o mesmo modus operandi en distintos feitos acontecidos nas redes sociais. “A falta de datos públicos, oficiais e dispoñibles deste tipo de ataques, non debe considerarse un feito accidental e illado, senón produto dunha violencia sistémica coa conivencia, permiso e mesmo auspiciada polos propios xigantes tecnolóxicos”, recalcou Gómez.

Ante este panorama, a Cátedra de Estudos Feministas 4.0 ”pretende ser un laboratorio de ideas e una ferramenta feminista para afrontar estes desafíos”. Por una banda, creando liñas de axuda como o propio Observatorio Stop Machitroles para reportar, visibilizar e denunciar este tipo de violencias machistas en liña e tamén afondando no coñecemento científico desta realidade con investigacións realizadas na cátedra.

Debate e obradoiro

Tras a presentación do informe celebrouse un debate con Elisa García-Mingo, profesora do Departamento de Socioloxía da Universidade Complutense de Madrid, especializada na socioloxía do xénero, a socioloxía da violencia, os estudos culturais e a metodoloxía da investigación social. A experta destacou a necesidade de afondar no coñecemento científico desta realidade con investigacións e estudos como os que realiza esta cátedra.

A xornada complétase cun obradoiro de autodefensa dixital que se celebra esta tarde e, unha segunda sesión, o vindeiro xoves 3 de febreiro.

Salir de la versión móvil